eduardo veiras

O "Barciela" proclámase campión da Liga de Fútbol Sala do Concello de Oroso.


Derrotou na final ao “Cafetería Lembranzas” por 3 goles a 2.

O conxunto do “Barciela” proclamouse na noite deste venres campión da Liga de Fútbol Sala do Concello de Oroso, que se veu disputando dende o pasado mes de xaneiro. O “Barciela” fíxose co título despois de vencer na gran final ao “Cafetería Lembranzas” por tres goles a dous, cun tanto gañador nos últimos minutos dun encontro moi igualado.

Unhas 150 persoas asistiron no pavillón municipal de Sigüeiro á gran final dos dous mellores conxuntos da fase regular, na que participaron un total de 170 veciños de Oroso divididos en catorce equipos. Nas semifinais, ambos conxuntos se impuxeron con certa comodidade, o “Barciela” cun claro 4-1 sobre o “Coufe Sigüeiro”, mentras que o “Cafetería Lembranzas” endosáballe un contundente 6-0 ao “Spirit Oroso”.

O concelleiro de Deportes, Eduardo Veiras, fixo entrega dos trofeos correspondentes aos capitáns do “Barciela”, como campión, e do “Cafetería Lembranzas”, como finalista do torneo. Así mesmo, Eduardo Veiras tamén entregou o premio ao equipo máis deportivo do torneo, que recaeu no “Rafra Softsigüeiro” e dous premios a título individual: a Daniel Vázquez, do equipo “Cafetería Lembranzas”, como mellor porteiro, e a Fernando Rey, do “Barciela”, como máximo goleador da liga.

O concelleiro de Deportes amosouse moi satisfeito pola alta participación rexistrada este ano, xa que “cumpriuse co obxectivo desta actividade, que era ofrecer a tódolos veciños de Oroso a posibilidade de practicar deporte e promover, ao mesmo tempo, as boas relacións entre todos”.