eduardo veiras

O Concello de Oroso convoca cursos gratuitos de natación para nenos e adultos.


Terán lugar durante o mes de xullo e o prazo de inscrición remata o 25 de xuño.

O Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición nos cursos de natación para nenos e adultos, no que cada ano participan unha media de 120 veciños e veciñas do municipio. Uns cursos totalmente gratuitos nos que poden participar todos aqueles veciños e veciñas que o desexen e que cumplan dous requisitos: estar empadroados en Oroso e estar en posesión do carné de aboado da piscina municipal.

O Concello de Oroso non establece ningún límite de prazas, xa que se conformarán tantos grupos como sexa necesario. En principio, os participantes dividiranse en dúas categorías: rapaces (para nenos e nenas de entre catro e dezaséis anos) e adultos (para maiores de dezaséis anos). As clases dos pequenos terán lugar de luns a venres en horario de mañá, entre as 11:00 e as 13:30 horas, mentres que as dos maiores serán polas tardes, a partires das 20:30 horas. Durante o pasado verán participaron nestes cursos gratuitos de natación un total de 120 persoas, cen rapaces e vinte adultos.

As clases terán lugar na piscina municipal de Sigüeiro, que abriu as súas portas para esta campaña de verán o pasado luns 2 de xuño. Unhas instalacións que abren en horario de once da mañá ata as nove da tarde. Os menores de sete anos deberán ir acompañados sempre por un proxenitor ou titor, e o Concello de Oroso porá a disposición dos veciños e veciñas un servizo de transporte gratuito, sempre que se cubran un mínimo de prazas.

O prazo de inscrición nestes cursos gratuitos de natación remata o vindeiro 25 de xuño. As anotacións poden formalizarse nas oficinas do departamento de Cultura e Deportes ubicadas no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Un lugar onde aínda se pode renovar ou facer o carné de socio da piscina municipal. Para os nenos de ata tres anos é de balde, os mozos entre 4 e 16 anos deberán aboar 12 euros e os maiores de 16 anos terán que pagar 20 euros.

Para conseguir o carné, os veciños e veciñas interesados terán que presentar unha fotocopia do DNI, xustificante de abono das taxas correspondentes e, se fose o caso, título de familia numerosa (xa que poden acceder a un desconto do 50% a partir do terceiro membro da unidade familiar). No caso das renovacións, tan só será preciso entregar o vello carné xunto co xustificante de pago para poder actualizalo.