O Concello de Oroso repartirá catrocentos quilos de sardiñas de balde entre as asociacións de veciños do municipio.
Son un total de dez sardiñadas populares que terán lugar ao longo de todo o municipio entre o 20 e o 28 de xuño.
O Concello de Oroso vai repartir catrocentos quilos de sardiñas totalmente de balde entre dez asociacións de veciños do municipio para que realicen as populares sardiñadas propias destas datas. Dez sardiñadas que terán lugar entre o venres 20 de xuño e o sábado 28 dese mesmo mes.
“Trátase dunha festa que ten unha moi boa acollida tanto por parte da veciñanaza como das asociacións, que están moi implicadas no desenvolvemento das sardiñadas”, explica Eduardo Veiras, concelleiro de Relacións Veciñais e Festexos Populares. Por iso, “o Concello colabora poñendo as sardiñas e as asociacións de veciños poñen o pan e o viño e, nalgúns casos, ata churrasco”, explica Veiras.
Os máis madrugadores foron os da asociación de veciños de Trasmonte, que celebraron a súa festa o pasado 8 de xuño. As outras nove sardiñadas darán comezo o venres 20 de xuño, ás 21:30 horas, no local social da asociación de veciños Orosiños. Un día máis tarde, o 21 de xuño, a cita será no local social da asociación de veciños de Villarromarís a partir das 21:00 horas. E para o domingo están programadas dúas sardiñadas. A primeira delas comezará ás 13:30 horas no local social de Bran, organizada pola asociación de veciños Chamadeiro. A segunda terá lugar no local social da asociación de veciños de Senra a partir das 14:00 horas.
Cinco sardiñadas o 28 de xuño
Sigüeiro Residencial organizará a súa sardiñada o venres 27 de xuño, ás 21:30 horas, na rúa Ourense (Sigüeiro). Pero o día grande destas sardiñadas populares en Oroso terá lugar o sábado 28 de xuño, no que se celebrarán un total de catro. Ás 20:00 horas hai convocadas tres sardiñadas: no campo da festa de Cardama (organizada pola asociación de veciños de Cardama), no campo da igrexa de Marzoa (a cargo da asociación de veciños San Martiño de Marzoa) e no local social de Gándara (da man da asociación de veciños Penateixa). A última sardiñada terá lugar ás 21:00 no campo de fútbol de Deixebre, a cargo da asociación de veciños “A Carballeira”.
O concelleiro de Relacións Veciñais e Festexos Populares, Eduardo Veiras, asegura que esta tradición de comer as sardiñas polo San Xoán conta co total apoio do Concello de Oroso xa que se trata “dunha celebración na que o importante non é comer as sardiñas, senón as relacións que se crean ou se fortalecen entre os veciños dunha mesma parroquia”.