eduardo veiras

Sigüeiro acolle esta fin de semana o XVI Campionato Galego de tenis de mesa alevín.


Rexistrará un récord de participación, con 90 xogadores pertencentes a 27 equipos masculinos e femininos de toda Galicia.

Tenis de mesa O pavillón municipal de deportes de Sigüeiro será a sede do Campionato Galego de Tenis de Mesa, que terá lugar os vindeiros 21 e 22 de xuño. Un evento organizado pola ED Xuventude Oroso, entidade que conta coa colaboración do Concello de Oroso e do patrocinador desta escola deportiva, o Grupo Puentes.

Durante esa fin de semana, participarán no campionato uns noventa xogadores e xogadoras divididos en 21 equipos masculinos e 6 femininos procedentes de toda Galicia (A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Gondomar, Cambados, Narón, Ferrol, Monforte, Lugo...). Unhas cifras que representan toda unha marca de participación con respecto a edicións anteriores e que servirán aos xogadores da ED Xuventude Oroso para preparar os próximos campionatos de España Benxamín e Alevín, que xogarán o próximo 27 de xuño na localidade granadina de La Zubia.

Este será o terceiro ano consecutivo que a ED Xuventude Oroso organiza en Sigüeiro un campionato galego de tenis de mesa. Os dous últimos anos organizou dúas edicións do Campionato Galego Prebenxamín, que este ano tivo lugar en Cambados os pasados 7 e 8 de xuño. Uns campionatos nos que a ED Xuventude Oroso acadou un éxito sen precedentes, ao gañar o campionato por equipos masculino e o individual feminino, ademais de dez dos 21 títulos disputados. O Xuventude Oroso-Grupo Puentes presentou a pasada semana a dous piares do seu proxecto deportivo para o próximo ano, Valeri Malov e Sergiy Nigeruk. Coa fichaxe destes dous xogadores profesionais, o conxunto orosán, que esta temporada militará na segunda división galega, espera dar o saldo a superdivisión nacional nun prazo de tres anos. Ademais, estas dúas estrelas do tenis de mesa permitirán mellorar aínda máis a prometedora canteira de xogadores do municipio.