Setenta veciños de Oroso arrouparon a Tania Carro na presentación da súa primeira novela.
O alcalde, Manuel Mirás, asegurou que “é un orgullo para o concello de Oroso contar entre os seus veciños cunha escritora deste nivel”.
Uns setenta veciños e veciñas de Oroso asistiron á presentación da novela “El tesoro oculto”, escrita por Tania Carro, unha moza de quince anos de idade e estudante no IES de Oroso. Un acto que estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, quen asegurou que “é un orgullo para o concello de Oroso contar entre os seus veciños cunha escritora deste nivel”.
Mirás Franqueira destacou a xuventude de Tania fronte “a gran madurez coa que afronta o relato da súa novela, de xeito que non parece escrita por unha rapaza de tan só quince anos”. Así mesmo, o alcalde de Oroso loou ao pai e á nai de Tania “por ter inculcado nela as gañas pola lectura, algo que se nota cando un lee o seu libro”.
“El tesoro oculto”, editada por Eride Editorial, é a primeira parte dunha triloxía na que está a traballar esta moza veciña de Oroso, que comezou a escribir con tan só 11 anos de idade e que na actualidade se atopa redactando o segundo libro. Tania Carro invitou aos presentes a internarse na busca dese tesouro oculto do que trata a súa novela e asinou exemplares do seu libro a todos e todas as asistentes.