O Concello de Oroso colabora co Festival polo XXV Aniversario da Asociación Folclórica "Lembranzas do Tambre".
O festival terá lugar na área recreativa de Penateixa este sábado, 28 de xuño, a partir das 12:00 horas.
O Concello de Oroso colabora na organización do festival co gallo do vintecinco aniversario da asociación folclórica “Lembranzas do Tambre”, que terá lugar este sábado 28 de xuño en Penateixa (Oroso). Un festival ao que asistirá o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acompañado por distintos membros da corporación municipal.
Os integrantes de “Lembranzas do Tambre” teñen preparado un programa especial para esta celebración, que dará comezo ao mediodía cunha concentración dos participantes na praza Alexandre Bóveda de Sigüeiro e a súa saída en pasarrúas cara á área recreativa de Penateixa.
Ás 13:00 horas terá lugar a primeira parte do festival, coa actuación das escolas infantís de baile, pandeireta e gaita. Tras un descanso para un xantar campestre, onde haberá pulpeira, ás 17:00 horas será o turno da actuación das seccións de baile, pandeireta e gaitas dos membros actuais e de antigos compoñentes de “Lembranzas do Tambre”. O festival polo vinte e cinco aniversario de “Lembranzas do Tambre” pecharase coa actuación das pandereteiras de Leilía, a partir das 20:30 horas.

Información da Asociación Lembranzas do Tambre