eduardo veiras

Os artistas Sabela Baña e Nolo Suárez representarán ao Concello de Oroso na mostra internacional GoisArte 2008.


Unha delegación de Oroso, encabezada polo alcalde Manuel Mirás, asistirá á inauguración da exposición este venres 11 de xullo.

A terceira edición de OrosoGoisArte terá lugar do 3 ao 18 de outubro.

GoisArte2008 Os artistas Sabela Baña Roibas e Nolo Suárez Varela representarán ao Concello de Oroso na prestixiosa mostra internacional GoisArte 2008, que se celebrará na localidade portuguesa de Góis do 11 ao 13 de xullo. Ambos os pintores foron escollidos polo xurado do concurso convocado polo Concello de Oroso para seleccionar as obras que representarán ao municipio na mostra lusa. En total, presentáronse 65 traballos, dos que o xurado escolleu un total de 23 para acudir a GoisArte 2008.

Todas as obras presentadas xiran en torno ao tema escollido este ano por GoisArte 2008: “A arte e a matemática”. A maioría dos 23 seleccionados son artistas galegos (procedentes de Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Forcarei, O Pino, Ferrol, Teo e Oroso), aínda que tamén hai representantes de Segovia e Lincolnshire (Reino Unido).

Entre os 23 artistas elixidos, ademais dos cadros de Sabela Baña e Nolo Suárez, figuran tamén as pinturas de Manuel Bonabal Barreiro, Fran Montoir, Zacarías Castro González, Xosé Luis Iglesias Diz, Rosa María Rodríguez Seoane, Estrela Rúa, Demetrio Reigada, Manuel Vázquez Aleman, Salvador Figueira Laiño, Santiago Vaz Varela, Soledad Guerra Souto e Xavier Dopazo. Así mesmo, tamén estarán presentes en Góis as fotografías de Miguel Anxo Alvarellos, Óscar López Corral e Noemí Iglesias Rodríguez. A selección de obras complétase coas esculturas de Dely Sánchez Lojo e David Earl Crooks, así como cos traballos de Alfredo Constela Doce, Luis Iglesias Fernández, Manuel Nieto García e Jesús Santos.

Recepción en Góis

Os artistas seleccionados formarán parte da delegación do Concello de Oroso que, encabezada polo alcalde Manuel Mirás, visitarán este venres, 11 de xullo, ao seu concello “irmán” de Góis. En concreto, ás 16.00 horas as autoridades de Góis farán unha recepción á delegación orosá antes da inauguración da mostra internacional.

Unha vez que remate a exposición das obras no parque do Cerejal de Góis o 20 de xullo, estas obras participarán nunca exposición itinerante por outras cidades portuguesas. Nestes días, os Concellos de Oroso e Góis están a negociar as datas e cidades nas que terán lugar estas exposicións, como en Coimbra e San Joâo da Madeira. Así mesmo, o Concello de Oroso espera que nos vindeiros anos tamén se sumen a esta iniciativa outros municipios de Galicia, para poder realizar tamén unha mostra itinerante pola nosa comunidade.

O concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras, explica que se trata dunha “nova iniciativa xurdida grazas as boas relacións entre dous concellos irmáns, como son Oroso e Góis, nas que estamos a potenciar moito os intercambios culturais”. De feito, coa participación neste certame, o Concello de Oroso consegue un dobre obxectivo: fomentar a arte entre os nosos creadores e promover a Oroso no exterior.

OrosoArte 2008

Ao igual que o acontecido o pasado ano, entre os días 3 e 18 de outubro terá lugar a unha nova edición da mostra internacional de arte OrosoArte 2008. Unha exposición que incluirá as 23 obras escollidas para participar en GoisArte 2008 e unha selección dos traballos máis significativos presentados ao certame luso. Na edición de 2007 participaron máis de cincuenta artistas con obras de pintura, fotografía e escultura procedentes de Portugal, Estados Unidos, Xapón, Francia, Italia, Polonia, Hungría e España.

Do mesmo xeito, entre o 24 de outubro e o 8 de novembro o Concello de Oroso ten previsto realizar unha nova exposición con traballos dos 23 artistas escollidos para participar en GóisArte 2008. Ademais desas 23 obras elixidas, os autores terán a posibilidade de presentar outros dous traballos máis, que serán expostos no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.