eduardo veiras

Oroso acollerá o 25 de xullo unha contrarreloxo individual do Campionato de España de ciclismo en ruta junior masculino.


O alcalde orosán, Manuel Mirás, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo, asinaron esta mañá o acordo.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, asinou esta mañá co presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo, un convenio polo cal Sigüeiro será a sede dunha contrarreloxo individual pertencente ao campionato de España de Ciclismo en Ruta júnior masculino. Unha proba que terá inicio e fin nas rúas de Sigüeiro e que discorrerá polas parroquias de Oroso, Senra, Vilarromariz e Gándara durante a tarde do vindeiro venres, 25 de xullo.

Os ciclistas tomarán a saída dende a céntrica rúa do Xuncal (Sigüeiro), en dirección A Coruña pola N-550, a partir das 18:00 horas, tendo que cubrir un percorrido de 20 quilómetros. Un percorrido que os levará polas localidades de A Ulloa, Oroso Pequeno, Oroso de Abaixo, Berdomás, Falmega, Valverde, O Cruceiro, Gadamil, Couso, A Biuca, As Canteiras, A Igrexa, Pedredo, Ventosa, Requeixo, ponte sobre o río Tambre, Carollo, A Gándara, Piñeirón, A Igrexa e Sigüeiro.

A meta estará localizada na praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro e a oficina permanente situarase no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, entre as 17:00 e as 21:00 horas. Segundo as previsións da organización, os ciclistas tardarán unha media de 30-32 minutos en percorrer estes 20 quilómetros. Esta proba está organizada pola Federación Galega de Ciclismo e patrocinada polo Concello de Oroso.