O Concello de Oroso dará unha recepción oficial aos participantes no Campionato de España de ciclismo en ruta junior masculino.
O acto terá lugar este xoves 24 de xullo, ás 11:00 horas, e contará coa presenza do presidente da Federación Española de Ciclismo, Fulgencio Sánchez.
O Concello de Oroso ofrecerá este xoves, 24 de agosto, unha recepción oficial aos participantes no Campionato de España de Ciclismo en Ruta Junior Masculino, cuxa contrarreloxo individual disputarase polas parroquias do municipio na tarde do venres 25 de xullo. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o concelleiro de Deportes, Eduardo Veiras, serán os encargados de presidir esta recepción oficial, que terá lugar ás 11:00 horas no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.
Un acto ao que asistirán o presidente da Real Federación Española de Ciclismo, Fulgencio Sánchez; o seu homólogo da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo; os oito compoñentes do xurado técnico, así como seleccionadores e directivos de cada unha das distintas federacións autonómicas que participan nesta proba. Así mesmo, agárdase contar coa presenza dalgúns dos ciclistas que disputarán a contrarreloxo do día seguinte.
Contrarreloxo individual
Unha proba que reunirá na tarde dese venres, 25 de xullo, a máis de setenta ciclistas en Oroso. Os participantes afrontarán un percorrido de 20 quilómetros que terá inicio e fin nas rúas de Sigüeiro e que discorrerá polas parroquias de Oroso, Senra, Vilarromariz e Gándara. Os ciclistas sairán da rúa do Xuncal (Sigüeiro), en dirección A Coruña pola N-550, a partir das 18:00 horas. O trazado previsto levaraos polas localidades da Ulloa, Oroso Pequeno, Oroso de Abaixo, Berdomás, Falmega, Valverde, O Cruceiro, Gadamil, Couso, A Biuca, As Canteiras, A Igrexa, Pedredo, Ventosa, Requeixo, Ponte sobre o Río Tambre, Carollo, A Gándara, Piñeirón, A Igrexa e Sigüeiro.
A meta estará situada na praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro e a oficina permanente localizarase no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, entre as 17:00 e as 21:00 horas. Segundo as previsións da organización, os ciclistas tardarán unha media de 30-32 minutos en percorrer estes 20 quilómetros. A proba está organizada pola Federación Galega de Ciclismo e patrocinada polo Concello de Oroso.