eduardo veiras

O Concello de Oroso celebra este sábado unha sega tradicional na parroquia de Marzoa.


O Concello invita aos veciños a participaren desta festa e dunha merenda que terán lugar no Cubelo (Marzoa).

O Concello de Oroso vai celebrar mañá sábado, 2 de agosto, unha tradicional sega do trigo no Cubelo, na parroquia da Marzoa. O concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras, solicita “a colaboración de todos os veciños para recuperar esta festa da sega a man, despois faremos os monllos (brazados de trigo) e os medeiros (grupos de monllos, colocados de pé uns contra os outros, que se fan na leira despois da sega) que quedarán a secar ata a malla do vindeiro 24 de agosto”.

Este ano, a sega terá lugar no Cubelo (Marzoa), a partires das 17:00 horas. Unha vez realizado o traballo, o Concello de Oroso invitará a todos os participantes na recuperación desta actividade tradicional a unha merenda campestre. Unha merecida recompensa despois do traballo realizado. En total, calcúlase que a sega durará unhas tres ou catro horas.

O proceso de traballo é o seguinte. Os veciños acudirán ás leiras de trigo con fouciños para comezar a sega. Cunha man pasan o fouciño a ras da terra e coa outra recollen presas ou pequenos feixes de trigo até formar un monllo, que se ata cunha norgha do mesmo cereal para que non se desfaga. Estes monllos quedan na leira ata que se amorean uns 20 monllos en forma cónica, formando así un medeiro. Estes medeiros quedan na leira varios días para que seque a planta do trigo e os grans se desprendan ben da espiga.

Coa organización desta sega o Concello de Oroso pretende que todos os veciños e veciñas do municipio colaboren na recuperación da riqueza cultural destas terras. Por iso esta actividade se desenvolve cada ano nunha parroquia distinta e cunha gran acollida por parte dos veciños, como xa aconteceu en Senra (2007) e Trasmonte (2006).

A malla, o 24 de agosto

O domingo 24 de agosto terá lugar a malla no Campo da Festa de Marzoa. Unha actividade para a que o Concello de Oroso ten preparado un intenso programa de actividades paralelas para toda a xornada que inclúen xogos tradicionais, unha exposición etnográfica de máquinas e apeiros de labranza e as actuacións musicais de Buxos Verdes (Senra e Cardama), Santiaguiños (Boimorto) e da Banda de Música de Ordes.

A festa comezará coa meda ás 10:00 horas, que dará paso a unha misa no Campo da Festa de Marzoa. A malla comezará ás 12:00 horas, coa limpeza do trigo e a feitura do palleiro. Ás 14:30 horas terá lugar un xantar tradicional de balde no que os asistentes poderán comprar como recordos, e a prezos simbólicos, a cazola e a cunca onde se servirán os callos e o viño. A malla continuará tralo xantar, a iso das 16:30. A festa da Malla está organizada polo Concello de Oroso en colaboración coa asociación de veciños “San Martiño” de Marzoa.