O Concello de Oroso organiza un torneo de volei praia.
O torneo terá lugar na cancha de fútbol praia de Sigüeiro e o prazo de inscrición estará aberto ata o 28 de agosto.
O Concello de Oroso organiza este ano a primeira edición do Torneo de Volei Praia “Concello de Oroso”, que se disputará o sábado 30 de agosto na cancha de fútbol praia de Sigüeiro. “Unha iniciativa que puxemos en marcha para que a nosa veciñanza poida gozar de novos deportes, porque non todo vai ser fútbol”, explica o concelleiro de Deportes, Eduardo Veiras, “e tamén para dar a coñecerlles que teñen á súa disposición esta cancha de fútbol praia”.
O Concello vén de abrir esta semana o prazo de inscrición para as parellas que desexen participar neste torneo, que se deberán anotar antes do 28 de agosto na cafetería da piscina municipal de Sigüeiro. O único requisito é ter máis de 16 anos, e as parellas poderán ser masculinas, femininas ou mixtas.
O torneo xogarase baixo as normas de arbitraxe da Federación, ao mellor dun set de 21 puntos (gañando con diferenza de dous puntos) polo sistema de acción-punto. Antes de cada encontro os xogadores terán cinco minutos para quentar. Este I Torneo Volei Praia Concello de Oroso está organizado pola Concellaría de Deportes en colaboración co Club Instituto Rosalía de Castro.