O Concello de Oroso programa un Agosto de troula para os rapaces.
Os obradoiros están dirixidos a nenos de 0 a 99 anos e son totalmente gratuítos.
O Concello de Oroso presenta un amplo programa de actividades para nenos de 0 a 99 anos dentro da Semana Cultural, “Troulea en Oroso”, que se vai desenvolver dende o 19 ata o 30 agosto. O programa engloba un sinfin de talleres, todos eles de balde, nos que poden participar tódolos veciños e veciñas da vila.
A semana comeza coa excursión ao parque acuático de Cerceda. O Concello de Oroso preparou esta excursión, que se organiza por primeira vez, coa colaboración do Concello de Cerceda. Un total de 50 nenos poderán viaxar ao parque acuático de Cerceda o día 19 de agosto para pasar un día lúdico festivo no Aquapark desta vila.
Durante estes días de festa e descanso os máis pequenos poderán deleitarse cos talleres de abalorios, de cestería, barro, tatuaxes, estampación de camisetas e osiños con esponxas, que se celebrarán pola mañá na praza Isaac Díaz Pardo. Polas tardes o chapuzón na piscina municipal poderá acompañarse de xogos nos inchables, prácticas en piragua e diversión a rachar no circuíto de cars e na festa da espuma.
A ciencia ten un espazo reservado dentro da actividade “Ciencia divertida”, onde os máis pequenos demostrarán os seus coñecementos sobre temas como o cambio climático, o aforro de auga ou as enerxías renovables.
Ademais, nesta Semana Cultural non podía faltar o teatro, a representación de varias obras, “Perón, perón”, “Non é tan fácil”, “Pan, catro propostas arredor da malla” e “A lingua das bolboretas” achegarán a arte interpretativa a tódolos veciños que pasen polo Centro Cultural.
O mago Cayetano Lledó porá o punto fantástico e soñador co seu espectáculo “Máxico circus cabaret”, onde fará as ledicias de grandes e pequenos, fascinándoos co mundo da maxia. Os títeres acompañarán aos veciños a un mundo de contos e narracións, cando os bonecos cobren vida e relaten as súas experiencias.
Os ciclos de cine ao aire libre son o momento ideal para que os veciños de Oroso vivan un final de día en familia coa proxección de películas aptas para tódolos públicos, “Pequeña miss Sunshine”, “Eragon” e “Lady Killers”.
O Concello de Oroso non se quere esquecer de ningún veciño, por iso o programa inclúe noites de música e tardes de sendeirismo.
Asimesmo, como se ven facendo dende hai un par de anos, o domingo 24 de agosto, a Festa da Malla será a protagonista no lugar de Marzoa. Unha festa tradicional que inclúe actuacións musicais, exposicións etnográficas e diversión para tódolos veciños da parroquia.
O final da Semana Cultural chegará o sábado, 30 de agosto, a Sigüeiro da man dunha miniolimpiada capaz de competir cos mesmos xogos Olímpicos. Nela os mozos de Oroso terán a oportunidade de amosar as súas habilidades co balón, ciclismo, atletismo, tenis de mesa…
Todas estas actividades están organizadas pola concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña e a empresa de ocio e tempo libre Brétema. Aqueles veciños que desexen obter máis información poden dirixirse ao departamento de Cultura no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa.