vanesa reboredo

A Aula Mentor Educaoroso pon en marcha unha aula auxiliar en Mesía.


Un total de 124 alumnos participaron nalgún dos cursos organizados en Oroso ao longo do ano 2007.

O Concello de Oroso, a través da Aula Mentor Educaoroso, vén de crear unha aula de formación auxiliar no veciño concello de Mesía. Unha iniciativa que o Concello de Oroso decidíu poñer en marcha logo do interese amosado polo Concello de Mesía en contar cunha oferta formativa similar á que se ofrece a través do Aula Mentor Educaoroso.

De feito, a nova aula auxiliar de Mesía ofertará os mesmos cursos que a súa irmá maior de Oroso e permitirá que os veciños que desexen matricularse en calquera dos cursos ofertados non teñan necesidade de trasladarse a Sigüeiro. A aula estará equipada con varios postos de traballo conectados a Internet e coas aplicacións informáticas precisas para o seguemento dos cursos.

A matrícula está aberta durante todo o ano para os veciños e veciñas que desexen participar nesta iniciativa de formación aberta, libre e a través de Internet. O prezo dun curso é dun máximo de 24 euros e non se esixe ningún tipo de titulación previa, salvo ter cursado os estudos obrigatorios.

Entre outras materias, os alumnos poden elixir entre inglés, informática, enerxías renovables, nutrición, climatización ou educación infantil. Uns cursos homologados polo Ministerio de Educación, aínda que son totalmente flexibles e deixan ao criterio do alumno cando quere comezalo e que ritmo de aprendizaxe decide levar. Os exames para a consecución do título sí que son presenciais.

Universitarias, de entre 26 e 45 anos

Durante o ano 2007 pasaron pola Aula Mentor de Oroso un total de 124 alumnos. Un ano no que Oroso acolleu catro convocatorias de exame, unha proba que foi superada polo 99% dos presentados.

Dacordo cos datos de participación do Aula Mentor Oroso, o usuario tipo deste servizo é unha muller, de entre 26 e 45 anos, con estudos universitarios. Os cursos máis solicitados foron os de iniciación a Office XP, o de Eduación Infantil, o de introducción á informática e o de imaxe en movemento. Por sexos, arredor dun 60% dos alumnos matriculados durante 2007 foron mulleres (72). No que atinxe á idade, o 80% dos participantes (un total de 100) figuran na franxa de idade entre os 26 e os 45 anos. Compre sinalar que non houbo ningún alumno menor de 16 anos nin maior de 65.

Finalmente, con respecto ao nivel de estudios, os alumnos con estudios universitarios conforman o 60% das matrículas durante 2007. Pola contra, só un 10% teñen estudios primarios.

Entre os cursos ofertados ao longo de 2007, figuran: iniciación á Informática, ofimática, redes e equipos, deseño e autoedición, internet, peme, medios audiovisuais, programación, deseño web, electrónica, medio ambiente, educación, idiomas, cultura e formación xeral.