O pavillón municipal de Sigüeiro acollerá a I Feira de Mostras o 1 e 2 de marzo.
Trece comerciantes participarán no curso gratuito de escaparatismo organizado polo Concello de Oroso, que comezará o 19 de febreiro.
O pavillón municipal de deportes de Sigüeiro acollerá os vindeiros 1 e 2 de marzo a primeira Feira de Mostras, un evento no que os veciños e veciñas de Oroso poderán atopar “unha exposición dos comercios da zona, descontos importantes en produtos de temporada así como un servizo de cafetería e de animación e xogos para os máis pequenos”, explica a concelleira de Comercio, Vanessa Reboredo.
Esta primeira Feira de Mostras está organizada pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Oroso (ACES) e conta coa colaboración do Concello de Oroso. Trátase dunha iniciativa que busca contribuir á dinamización do sector comercial do municipio.
Curso de escaparatismo
Un obxectivo que tamén persegue o curso gratuito de escaparatismo organizado pola Concellería de Comercio, que dará comezo o vindeiro 19 de febreiro. Un curso formativo no que participarán un total de trece comerciantes do municipio.
O curso terá unha duración de cincuenta horas, que se impartirán en Sigüeiro en horario de 21:00 a 23:00 horas, tal e como escolleron os propios participantes. Este curso de escaparatismo é unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Comarcal de Ordes, e está incluida dentro do Programa Leader +.