O orzamento do Concello de Oroso adicado a investimentos medra este ano un 140%, ata alcanzar os 7,9 millóns de euros.
Manuel Mirás califica estas contas de “netamente investidoras” porque “van permitir construír unha serie de infraestruturas que redundarán na mellora da calidade de vida dos veciños e na creación de emprego”.
Os orzamentos municipais para 2008 medran un 60,5% con respecto a 2007 e chegan ata os 11,2 millóns de euros.
Os gastos de persoal diminúen nun 8,34% e o gasto corrente baixa un 10,77%.
O Concello de Oroso aprobará este venres, 14 de marzo, os seus orzamentos municipais para 2008, que ascenden a máis de 11.260.000 euros e adican un total de 7,9 millóns a investimentos reais. Un capítulo, o de investimentos, que medra nun 140,46% con respecto ao ano 2007, no que a inversión orzamentada ascendera ata os 3,28 millóns de euros. Un feito que fai que o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, cualifique estas contas de “netamente investidoras, xa que van dirixidas a crear riqueza no municipio”.
Mirás Franqueira asegura que os orzamentos de 2008 “van permitir construír unha serie de infraestruturas necesarias que redundarán en beneficio de todos, sobre todo na calidade de vida dos nosos veciños e na creación de emprego de cara ao futuro”. Así, Manuel Mirás explica que “algo máis de 6,8 millóns de euros van ser investidos en infraestruturas de uso xeral”.
Bo exemplo deste esforzo investidor son os máis de 467.000 euros que o Concello de Oroso destinará este ano a infraestruturas deportivas. Entre outras obras, as Contas de 2008 inclúen 167.000 euros para o arranxo da fachada e o tellado do pavillón municipal e 154.000 euros para a iluminación e os vestiarios do campo de fútbol de herba artificial de Sigüeiro. Así mesmo, o Concello de Oroso adicará unha partida de 64.000 ao acondicionamento da piscina municipal, 52.000 euros para a creación dunha pista multixogos en Sigüeiro e outros 30.000 euros á construción dunha pista polideportiva en Deixebre.
Melloras nas rúas e nos polígonos industriais
Outro punto destacable no capítulo de investimentos é o adicado a melloras nas rúas do municipio. Así, o Concello de Oroso destinará 393.000 euros ás obras de reurbanización da rúa do Portiño (Sigüeiro) e outros 172.000 euros para a construción de beirarrúas en Igrexa, na parroquia de Oroso. Así mesmo, as contas municipais recollen varios investimentos que redundarán na humanización do centro urbán de Sigüeiro, entre os que figuran 160.000 euros para o acondicionamento do espazo do mercado municipal, 85.000 euros para a revalorización da avenida de Compostela e outros 75.000 euros para a creación dun parque infantil.
No campo da promoción industrial do municipio, o Concello de Oroso investirá 2,4 millóns de euros no inicio da primeira fase das obras de ordenación e urbanización do polígono industrial San Martiño II. Así mesmo, contémplase un investimento de 1,1 millóns de euros para as obras de urbanización do polígono industrial Oroso Pequeño. Finalmente, as Contas de 2008 tamén reservan 600.000 euros para a construción dunha rotonda de entrada ao polígono empresarial de Sigüeiro dende a N-550.
Melloras en pistas
O orzamento do Concello de Oroso para 2008 tamén inclúe máis de 300.000 euros para obras de mellora na rede viaria municipal e que están incluídas no Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2008). Así, o POS destinará máis de 100.000 euros á mellora da rede viaria en Calvente (que inclúe melloras en pistas como Cabanas, Pedralba-Ánxeles, Arderís-Senra, Valverde-Vilarelle, Curro, na rúa das Nogueiras. Tamén inclúe melloras no aparcamento do campo de fútbol de Vilarromarís e unha prolongación de beirarrúas dende a estrada principal ata Puente Berreo).
O segundo gran proxecto, cun orzamento de máis de 100.000 euros, inclúe a pavimentación da rede viaria municipal en Oroso-Valverde, Arderís-Baiuca, Piñeirón e Ventosa-Cardama. Finalmente, destinaranse outros 99.000 euros á pavimentación de camiños en Piñeiro-Trasmonte, Costa-Trasmonte, Igrexa-Os Ánxeles, lavadero de A rúa-Deixebre, Igrexa Vella-Deixebre, Carballal-Marzoa, Cubelo-Marzoa e obras de conservación en xeral en Marzoa.
Descenso dos gastos de persoal
Por todo isto, o alcalde de Oroso apunta que “se trata dun orzamento netamente investidor, xa que os investimentos supoñen máis dun 70% do mesmo fronte a un 13% do gasto en persoal, por exemplo”. E é que as contas municipais para 2008 adican 1,4 millóns de euros a gastos de persoal, é dicir, un 8,34% menos que no exercicio 2007. Ademais, o gasto corrente descendeu tamén nun 10,77%, ata os 1,6 millóns de euros.
No que atinxe ó capítulo de ingresos, os ingresos correntes medran nun 51,8%, ata chegar ós 9,25 millóns de euros. Finalmente, as Contas do Concello de Oroso para 2008 recollen tamén uns ingresos de 2,3 millóns de euros procedentes de transferencias de capital.
O orzamento municipal para 2008 será aprobado este venres, 14 de marzo, durante unha sesión plenaria que terá lugar a partires das 11:00 horas. Unha sesión na que tamén se aprobará o proxecto de melloras na EDAR de Sigüeiro, a modificación da Relación de Postos de Traballo e organigrama do Concello de Oroso e o reformado do proxecto de abastecemento de auga potable ás parroquias de Cardama, Senra, Ánxeles, Calvente, Pasarelos e Marzoa.