Os/as nenos/as da Escola Infantil de Oroso plantarán este sábado setenta árbores en Vilarromariz.
Os/as pequenos/as, menores de 3 anos, daranlle o seu nome a cadansúa árbore.
Os meniños e meniñas da Escola Infantil de Oroso, todos e todas menores de tres anos, plantarán este sábado un total de 70 árbores na parroquia de Vilarromariz (Oroso). Unha iniciativa organizada pola Escola Infantil e que conta coa colaboración do Concello de Oroso, quen cedeu a parcela onde se plantarán as árbores.
Os/as pequenos/as plantarán setenta árbores autóctonas cedidas pola Consellería de Medio Ambiente, entre as que se atopan carballos e bidueiros. Ademais, esta iniciativa ten a orixinalidade de que cada unha desas árbores levará o nome do/a pequeno/a que a plante e poderán facer un seguimento destas a través de Internet, mediante o programa Google Earth.
O Concello de Oroso cedeu para esta iniciativa unha parcela situada ao lado do campo de fútbol de Vilarromariz. Unha parcela que terá a terra movida para facilitar que os/as pequenos/as, coas súas palas de xoguete, poidan facer cadanseu burato para plantar a súa árbore.