vanesa reboredo

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición no programa "Bos días Cole" para o vindeiro curso.


Está dirixido a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio, que poderán deixar aos cativos no CEIP dende as 7:30 horas ata o inicio das clases.

O Concello de Oroso vén de abrir hoxe o prazo de inscrición no programa “Bos Días Cole”, dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos de idade. Un prazo de inscrición que estará aberto ata o vindeiro 13 de xuño. O programa “Bos días cole” é unha iniciativa coa que o Concello de Oroso busca facilitarlles aos pais e nais do municipio a conciliación da vida laboral e familiar, xa que lles permite deixar aos cativos nas instalacións do CEIP de Sigüeiro dende as 7:30 horas ata o comezo das clases.

Ademais, dende o Concello de Oroso ofrécenlles aos pais e nais diversas alternativas para que poidan iniciar sen problemas a súa xornada laboral coa tranquilidade de que os seus fillos quedan ben atendidos ata a hora do colexio. Así, “poden elixir tanto a hora á que deixan aos pequenos como os días que empregan este servizo, ou mesmo deixalos ocasionalmente, de xeito que o prezo do servizo se adapta ás necesidades reais dos proxenitores”, explica Vanessa Reboredo, concelleira de Educación. Asemade, tamén hai posibilidades de incorporar a algún rapaz máis durante o curso.

Durante a pasada edición, unha media de trinta nenos e nenas do municipio participaron nas distintas actividades organizadas ao abeiro do programa “Bos días cole”, que inclúe obradoiros de manualidades, talleres de lectura de contos e diversos xogos.