vanesa reboredo

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición no Verán Lúdico.


Este programa de conciliación familiar ofrece divertidos obradoiros, xogos e excursión para nenos e nenas de 3 a 12 anos durante as mañás dos meses de xullo e agosto.

O Concello de Oroso abriu hoxe luns o prazo de inscrición nas dúas primeiras quendas do programa de conciliación familiar “Verán Lúdico”, que terán lugar durante o mes de xullo no CEIP de Sigüeiro. O “Verán Lúdico” é un programa que permite “ocupar o tempo de lecer dos cativos dun xeito divertido e educativo, ademais de ofrecerlles aos seus pais e nais unha alternativa que lles facilite traballar ou descansar durante ese tempo de vacacións escolares”, explica a concelleira de Educación, Vanessa Reboredo.

O “Verán Lúdico” ofrece obradoiros, xogos e excursións que ocuparán as mañás de xullo e agosto dos nenos e nenas escolarizados en educación infantil ou primaria durante o curso 2007-2008, é dicir, de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Unhas actividades que terán lugar no CEIP de Sigüeiro en horario de 7:30 a 15:30 horas. Así, está previsto a realización de obradoiros de educación viaria e medioambiental, así como outro relacionado coa nutrición. No que atinxe ás excursións, programaranse saídas á piscina municipal, ao paseo do río Carboeiro, ao Refuxio ou á Biblioteca, así como algunha viaxe a Santiago.

Este programa de conciliación familiar desenvolverase durante os meses de xullo e agosto ao longo de catro quendas de 15 días cada unha. Os pais e nais poderán escoller a quenda na que anotan aos pequenos e mesmo inscribilos nunha, dúas, tres ou nas catro quendas. O prezo por quenda é de 60 euros, establecendo o Concello de Oroso a posibilidade de participar unicamente nos obradoiros educacionais (que teñen lugar entre as 10:00 e as 13:00 horas) por un prezo de 42 euros. Ademais, haberá servizo de xantar para aqueles que o soliciten, cun custo de 5 euros por día.

Os pais e nais que desexen que os seus fillos participen neste programa de conciliación familiar deberán dirixirse ás oficinas do Cetro Cultural Fernando Casas e Novoa (981 69 09 03). O prazo de inscrición abriuse hoxe luns 2 de xuño, e estará aberto ata o 18 de xuño, para as dúas primeiras quendas: do 1 ao 15 de xullo e do 16 ao 31 de xullo. Para as quendas de agosto (do 1 ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto), o prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 23 de xullo.


>