vanesa reboredo

O Concello de Oroso inviste 11.000 euros en diversas obras de mellora nos centros educativos do municipio.


Acondicionarase a antiga escola de Vilarromarís para situar nela unha biblioteca escolar.

O Concello de Oroso vai acometer durante estes meses de verán un amplo programa de traballos de mellora das instalacións educativas do municipio. Un programa no que o Concello de Oroso inviste un total de 11.000 euros e que, “a pesar de que está operativo durante todo o ano, se intensifica durante o período estival aproveitando a interrupción das clases”, explica a concelleira de Educación, Vanessa Reboredo. De feito, no que vai de curso xa se investiron 3.000 euros.

Unhas melloras que o Concello de Oroso está a acometer de acordo coas necesidades expresadas pola comunidade escolar nos distintos centros educativos do municipio. As obras máis cuantiosas corresponden ao CEIP de Sigüeiro. O Concello de Oroso vai arranxar as 8 papeleiras do patio e reparará os azulexos dos baños do edificio de primaria e dos corredores e escaleiras do edificio de infantil.

Así mesmo, no CEIP de Sigüeiro instalaranse programadores para calefacción, repararanse algunhas fugas de auga nas canles, porase unha lámpada no aula de 6º C e reporanse as chaves da luz dalgunhas aulas. Finalmente, amarrarase a varanda de acceso ao comedor e faranse traballos de mantemento do céspede durante o mes de agosto. Para o mes de setembro quedará a revisión das cisternas dos baños.

Melloras nas unitarias

Polo que respecta ás escolas unitarias, vaise dotar dunha pantalla dixital ao centro de Senra, onde tamén se farán labores de limpeza e se sementará algo de herba no patio. Nos colexios de Trasmonte, Deixebre e Vilacide instalaranse cadanseu encerado dixital e unha pequena canastra de minibasquet. Ademais, en todos eles acometerase unha revisión das tubaxes dos baños. Así mesmo, o Concello de Oroso vai pintar o exterior da escola de Deixebre e azulexará os baños para resolver os problemas de humidades existentes. No caso de Trasmonte, asfaltarase a entrada principal para evitar a formación de charcos durante o inverno.

Finalmente, na sede de Vilarromarís o Concello de Oroso “vai acondicionar un local para instalar nel a biblioteca do centro e que tamén poida ser utilizado como sede para reunións”, explica Vanessa Reboredo. Así, o Concello de Oroso pintará o interior da aula, colocará un revestimento plástico no chan semellante ao xa existente no centro de Senra e proporcionará radiadores eléctricos e un deshumidificador.


>