Aberto o prazo de inscrición no programa "Diver Outono" do Concello de Oroso.
O programa, dirixido a nenos/as en idade escolar, desenvolverase entre o 1 e o 10 de setembro.
O Concello de Oroso vén de poñer en marcha, un ano máis, o programa “Diver Outono”, dirixido a nenos e nenas en idade escolar e que terá lugar do 1 ó 10 de setembro. Trátase dunha iniciativa coa que o Concello de Oroso pretende que “durante as vacacións escolares os pais poidan conciliar a vida laboral e familiar, ademais de ocuparen o tempo de lecer dos seus fillos dun xeito divertido e educativo”, apunta a concelleira de Educación, Vanessa Reboredo.
O Concello de Oroso ten preparado un intenso programa de actividades para os cativos, que inclúe visitas culturais, excursións, obradoiros, xogos en equipo e un taller de aprendizaxe e interpretación de cancións. Os veciños/as interesados en que os seus fillos/as poidan participar no programa “Diver Outono” poden formaliza-la inscrición no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo para apuntarse estará aberto ata o vindeiro luns 18 de agosto.
Os prezos de inscrición varían entre os 24 e os 71 euros, segundo o número de horas nas que o rapaz participe na actividade (5 ou 8 horas) e se vén xantado da casa ou non. Así, o Concello de Oroso ten programados dous horarios (de 7:30 a 15:30 horas e de 9:00 a 14:00 horas) para que os pais poidan elixir aquel que mellor se adapte ás súas necesidades. O Concello de Oroso subvenciona estas actividades para os veciños empradroados no municipio e establece un desconto dun 20% para familias numerosas.