O Concello de Oroso inicia un proxecto para a sinalización integral de todo o concello.
O Plan Integral de Sinalización está orzamentado en 99.000 euros e inclúe a posta en valor dos recursos turísticos, a limpeza de sendeiros e unha guía de sendeirismo co patrimonio etnográfico e cultural
O Concello de Oroso vén de iniciar a primeira fase do Plan Integral de Sinalización coa instalación de sinais verticais nos distintos lugares do municipio. “Trátase da primeira fase dun proxecto para poñer en valor os recursos turísticos do concello de Oroso”, explica o alcalde orosán, Manuel Mirás Franqueira. Un proxecto orzamentado en 99.000 euros, financiado a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), e que se executará ao longo dos vindeiros meses.
Manuel Mirás explica que “neste proxecto, ademais da sinalización dos núcleos e da posta en valor do noso patrimonio natural e etnográfico,
imos acomete-la limpeza dos sendeiros que cruzan o municipio e elaboraremos unha guía de sendeirismo onde se contemple o patrimonio etnográfico e cultural de Oroso”. Todo para dar a coñecer os numerosos atractivos deste municipio, regado por seis fermosos ríos e que combina unha riqueza paisaxística inmensa cun rico patrimonio cultural que inclúe monumentos megalíticos, castros, pazos, muiños, igrexas barrocas e neoclásicas....
Nesta primeira fase de execución do proxecto, o Concello de Oroso está a instalar uns novos sinais para identificar perfectamente todas as parroquias, lugares e recursos turísticos do municipio. Trátase duns sinais modernos, que combinan unha parte verde co novo logotipo do Concello co tradicional branco, onde se indica o nome do lugar. Manuel Mirás destaca que a instalación destes sinais “é moi importante xa que son un instrumento de información e de turismo moi interesante e poden guiar aos turistas que nos visiten polos lugares máis emblemáticos de Oroso”.