O Concello de Oroso inicia un programa para eliminar os puntos de vertedura incontrolada de lixo no municipio.
O concello acometerá unha campaña para concienciar aos veciños dos beneficios da reciclaxe.
O concello de Oroso vai acometer nos vindeiros días un programa de eliminación de puntos de vertedura incontrolada de lixo no municipio. O concelleiro de Limpeza Viaria, Xosé Castro Rial, explica que “se trata tamén de concienciar aos veciños e veciñas da importancia de que non poden deixar o lixo en calquera punto, por moi á man que lles queden”.
Por iso, e na súa preocupación na defensa do medio ambiente, o concello de Oroso vai levar a cabo unha campaña de concienciación entre a poboación do municipio sobre os beneficios da reciclaxe. “O obxectivo é concienciar aos veciños e veciñas de Oroso dos beneficios medioambientais, de separar os refugallos nos seus fogares e despois depositalos nos seus correspondentes colectores: papel e cartón, vidro, envases lixeiros e residuos orgánicos”, apunta Castro Rial.