josé maría castro

O Concello de Oroso construirá varias áreas recreativas e parques infantís en Sigüeiro.


O concello acondicionará os terreos ocupados polos depósitos de gas para acoller estes espazos de lecer para os veciños.

O concello de Oroso vai acondicionar os espazos ocupados polos distintos depósitos de gas situados en Sigüeiro “para convertelos en pequenas áreas recreativas ou en parques infantís que poidan aproveitar os veciños e veciñas do municipio”, explica o concelleiro de Parques e Xardíns, Xosé Castro Rial.

O concello de Oroso tomou hai uns meses a decisión de retirar estes depósitos de gas para mellorar o entorno urbanístico da localidade e a calidade de vida dos veciños e veciñas da capital municipal. Unha medida que afecta a depósitos como o situado detrás do Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, o localizado na beira do río Tambre (detrás da praza Alexandre Bóveda), un terceiro situado na avenida da Grabanxa e un cuarto na marxe esquerda da N-550 (sentido A Coruña).

Así mesmo, Castro Rial anuncia que dende o concello de Oroso “estamos a elaborar un proxecto para a creación dun macroparque infantil en Sigüeiro”, que sairá adiante nos vindeiros meses. Unha obra incluída nos orzamentos municipais para 2008, que foron aprobados a semana pasada, e que reservan un investimento de case 95.000 euros. Ata entón, os equipos de limpeza do municipio dedicaranse ao acondicionamento dos parques infantís existentes na actualidade