O Concello de Oroso inicia o acondicionamento dos parques infantís de Sigüeiro.
Operarios municipais comezaron hoxe a substituír os antigos bambáns dos parques infantís do Paseo do Río Carboeiro e da praza Alexandre Bóveda por uns novos.
O Concello de Oroso iniciou hoxe a substitución dos antigos bambáns dos parques infantís do paseo do río Carboeiro e da praza Alexandre Bóveda (Sigüeiro) por uns novos. Unha actuación que forma parte do programa de acondicionamento de áreas de ocio que está a levar a cabo o Concello de Oroso dende o pasado mes de marzo.
Esta mesma mañá, operarios municipais iniciaron a substitución dos bambáns máis vellos do parque infantil da praza Alexandre Bóveda por uns novos, que acaban de chegar da empresa subministradora. “O obxectivo é que ao longo desta semana podamos ter colocados todos estes novos balancíns, tobogáns e xogos varios nos dous parques infantís de Sigüeiro”, explica Xosé Castro, concelleiro de Parques e Xardíns.
Así mesmo, o Concello de Oroso segue adiante co plan para construír pequenas áreas recreativas nos espazos ocupados polos distintos depósitos de gas localizados en Sigüeiro. O Concello de Oroso tomou hai uns meses a decisión de retirar estes depósitos de gas para “mellorar o entorno urbanístico da localidade e a calidade de vida dos veciños e veciñas da capital municipal”, apunta Xosé Castro. Así mesmo, o Concello de Oroso segue a traballar na creación dun macroparque infantil en Sigüeiro, que sairá adiante proximamente.