eduardo veiras

A Federación Malagueña de fútbol destaca o exemplo de Oroso na formación dos mozos como deportistas e como persoas.


O alcalde en funcións, Xosé Manuel Pérez, destaca “o papel do deporte para unir aos pobos” e anuncia que “dende o Concello de Oroso teremos que devolver esta visita”.

firma O concello de Oroso realizou na noite deste martes, 18 de marzo, unha recepción oficial aos integrantes da Federación Malagueña de Fútbol, que estiveron encabezados polo seu presidente Miguel Sánchez. Unha homenaxe incluída dentro dos actos previos á disputa da primeira edición do Torneo de Fútbol ED Xuventude Oroso, que terá lugar este mércores e que todos destacaron como elemento de unión entre culturas e de formación para a xuventude, deixando nun segundo plano a vertente simplemente competitiva.

O presidente da Federación Malagueña de Fútbol agradeceu a invitación e as atencións recibidas nestes dous días e agardou que este torneo “se vaya haciendo más grande con el tiempo”. Neste sentido, Miguel Sánchez lembrou que en Andalucía hai uns 115.000 rapaces federados e afirmou: “espero que este ejemplo que hoy da Oroso se extienda por toda Galicia, para hacer deportistas, para hacer futbolistas, pero sobre todo para hacer personas”.

perez Un punto no que coincidiu o alcalde en funcións de Oroso, Xosé Manuel Pérez, quen destacou “o papel do deporte e da tolerancia para unir aos pobos”. Despois de agradecer á ED Xuventude de Oroso e ao concelleiro de Deportes, Eduardo Veiras, os seus esforzos na organización deste torneo, Pérez Penas aseguroulles aos representantes malacitanos que “dende o concello de Oroso teremos que devolver esta visita, xa que sempre é moi interesante facilitar o intercambio entre culturas tan ricas como a galega e a andaluza”.

Pola súa banda, Luis Rey, presidente da ED Xuventude Oroso, destacou o gran crecemento desta escola deportiva, que pasou de corenta a 170 rapaces en tan só dous anos. “E queremos seguir medrando coa axuda do concello”, apuntou Rey, xa que “todo o que sexamos capaces de darlles aos nosos nenos, recibirao máis tarde a nosa sociedade”. Finalmente, Luis Rey destacou o esforzo realizado pola delegación malagueña para desprazarse a Oroso “nunhas datas tan especiais, co arraigo que a Semana Santa ten en Andalucía”.

Ao acto asistiron tamén o concelleiro de Deportes de Oroso, Eduardo Veiras; a xunta directiva da ED Xuventude Oroso; e os presidentes do FC Sigüeiro, Marcial Iglesias, e da SD Deixebre, Emilio Ferro. A Federación Malagueña de Fútbol estivo representada polo seu presidente, Miguel Sánchez; os dous vicepresidentes, Pedro Díaz e Pedro Valencia; os dous vogais, Juan de la Cruz e Pable Ganet; así como polo delegado da Federación, o corpo técnico e os xogadores da selección malagueña sub-16.

Os partidos xogaranse o mércores 19 de marzo no campo de fútbol de Sigüeiro. O torneo comezará ás 10:30 horas co encontro entre os anfitrións, a ED Xuventude Oroso, e a selección malagueña de fútbol. Ás 12:15 horas, terá lugar o partido entre a SD Compostela e o CD Conxo. Os gañadores destes dous partidos disputarán a gran final ás 17:00 horas.