O Concello de Oroso inviste 48.000 euros na mellora do contorno da Igrexa de Deixebre.
O campo será acondicionado cun chan pétreo que permitirá dispoñer dun lugar máis axeitado para o aproveitamento dos veciños.
O Concello de Oroso está a desenvolver a instalación dun novo solo de pedra na igrexa de Deixebre, uns traballos nos que investirá máis de 48.000 euros. As obras consisten na limpeza do terreo e o seu recheo con zahorra ata os 15 centímetros de espesor. Posteriormente pavimentarase a zona con pedra de cantería de granito silvestre abuxardado do tipo amarelo caniza clara, e reencheranse os ocos con terra vexetal.
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez, apunta que esta obra no contorno da igrexa de Deixebre é a “primeira actuación que imos levar a cabo dentro dun plan para dotar a todas as parroquias de Oroso dun lugar para o aproveitamento dos veciños”. As obras están sendo levadas a cabo pola empresa Eulogio Viñal Obras e Construccións SA e estarán rematadas nunhas semanas.