O Concello de Oroso fará unha pequena área de lecer para os veciños no contorno da recuperada Fonte de Rial, en Trasmonte.
A fonte foi desenterrada e recuperada, arranxouse a condución de auga e dotouse á zona dun empedrado para o paseo.
O Concello de Oroso está a acometer unha fonda recuperación da fonte de Rial, na parroquia de Trasmonte. Ata o momento, os traballadores municipais desenterraron a fonte, que estaba cuberta de lama e maleza, e tamén arranxaron a condución da auga da que beben tanto a fonte coma o lavadoiro do lugar. Na actualidade, os traballos céntranse en rematar a instalación dun paseo empedrado que segue a canle do regato.
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez, apunta que
“unha vez rematados estes traballos imos acometer un amaño xeral de todo o contorno, para que poida ser empregado por todos e todas os/as veciños/as como unha pequena área de lecer”. Así, toda a zona, que na actualidade está cuberta por maleza, será limpa e no seu lugar plantarase herba e algún mobiliario urbano para que a veciñanza de Rial poida aproveitar o lugar.
Así mesmo, limparase o lavadoiro existente na zona e cambiarase a uralita do tellado, que na actualidade se atopa algo deteriorada. O Concello de Oroso mesmo estudará a posibilidade de habilitar unha zona próxima como bebedoiro para o gando. Un lugar que estaría suficientemente separado da futura área de lecer.
Nestes primeiros traballos de reparación da fonte de Rial, que estarán rematados nun par de semanas, o Concello de Oroso investiu máis de mil euros.