A rede de sumidoiros Sigüeiro-Oroso-Trasmonte estará operativa en catro meses.
A obra, orzamentada en 670.000 euros, ten executada o 85% da rede de colectores de saneamento e resta instalar as estacións de bombeo.
Os veciños e veciñas das parroquias de Oroso, Deixebre e Trasmonte poderán utilizar a nova rede de sumidoiros o vindeiro mes de setembro. Así o asegura o concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez, quen confirma que “nestes momentos están a traballar cos colectores de saneamento e quedan as estacións de bombeo polo que nun prazo de catro meses estará operativo”.
O proxecto de construción da rede de sumidoiros dende Sigüeiro ata a parroquia de Trasmonte, pasando polas parroquias de Oroso e Deixebre, conta cun orzamento de 670.000 euros. Na actualidade, os operarios da empresa concesionaria das obras, Paco Gómez, xa acometeron a instalación do 85% da rede de colectores de saneamento ata a parroquia de Deixebre. Un traballo realizado ao longo dos últimos dous meses.
Para os vindeiros catro meses, as obras nesta rede de sumidoiros consistirán en ampliala ata a parroquia de Trasmonte, instalar o 15% restante da rede de colectores de saneamento e, sobre todo, instalar as estacións de bombeo precisas en toda a rede. Uns traballos que, de manterse o ritmo actual, poderían estar totalmente rematados no mes de setembro.