O Concello de Oroso inicia a revisión dos valores catastrais das fincas urbanas do municipio.
A Oficina Municipal de Urbanismo atenderá as consultas dos veciños do 25 de febreiro ó 3 de marzo
O Concello de Oroso vai acometer a vindeira semán a revisión dos valores catastrais das fincas urbanas do municipio. Trátase dun proceso que permite determinar o valor desas propiedades e que se toma como referncia en relación con distintas actuacións das Administracións Públicas, tanto de carácter fiscal (IRPF, Imposto sobre Bens Inmobles ou Imposto sobre o Patrimonio) como de carácter non fiscal (expropiacións, valoracións urbanísticas, consecución de determinadas axudas, bolsas e subvencións públicas…).
Para facilitar todo o proceso, o Concello de Oroso estableceu un punto de atención aos veciños e veciñas que desexen recibir calquer tipo de información ou presentar calquer tipo de reclamación. O lugar de atención ao público será a Oficina Municipal de Urbanismo, ubicada na rúa do Tambre nº 12 (Sigüeiro). Para recibir información ou facer calquer tipo de reclamación, os veciños terán que presentar o seu DNI (ou fotocopia) e a documentación das fincas que acredite o cambio solicitado (compra-venda, permuta, partixas, herdanzas…).
Os propietarios de fincas urbanas serán atendidos dende o luns 25 de febreiro ata o luns 3 de marzo. O horario de atención será de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, e nas tardes do martes e xoves, de 16:00 a 18:00 horas.
O Concello de Oroso xa acometeu na primeira quincena de decembro a revisión definitiva do catastro de fincas rústicas do municipio, que dará lugar a un inventario detallado e actualizado dos bens inmobles de natureza rústica no municipio, no que se inclúa unha descrición das súas características físicas, xurídicas e económicas. Un instrumento que será empregado nas distintas actuacións que se leven a cabo no municipio de Oroso.