O Concello de Oroso tomará "medidas contundentes" contra Fenosa por non dar subministro eléctrico ao polígono industrial.
O alcalde, Manuel Mirás, dalle de prazo a Fenosa ata mediados da vindeira semán para solventar a situación, xa que considera “unha burla e un insulto aos empresarios de Sigüeiro” a actitude da eléctrica.
Mirás Franqueira reunirase cos empresarios do polígono de Sigüeiro para adoptar medidas de presión conxuntas, como devolucións masivas de recibos.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, anuncia que “o Concello vai tomar as medidas máis contundentes que poidamos contra Unión Fenosa, sexan as que sexan” ante a actitude da eléctrica de non proporcionar subministro eléctrico ás empresas ubicadas no polígono de Sigüeiro. Unha actitude que Mirás Franqueira cualifica de “burla e insulto aos empresarios do polígono”, despois de que Fenosa anunciase a finais de xaneiro a entrada en funcionamento da subestación de Sigüeiro e, a día de hoxe, sega sen dar servizo ás empresas.
O alcalde de Oroso explica que “a pesares das nosas reiteradas queixas, Fenosa segue sen dar subministro ás empresas do polígono. De feito, nin sequera podemos conectar as farolas do alumeado público porque non hai electricidade”. Dende o Concello de Oroso lembran que os responsables de Fenosa aseguraron que en setembro as empresas do polígono industrial xa recibirían subministro eléctrico coa posta en marcha da subestación de Sigüeiro. Unha data que a empresa foi incumprindo mes tras mes ata chegar ao compromiso de que a finais de xaneiro entraría en funcionamento a subestación de Sigüeiro e que ésta subministraría a electricidade ao polígono industrial. Un compromiso que a empresa segue a incumprir e que “se Fenosa puxo en realidade en marcha a subestación de Sigüeiro, que non o sabemos polo oscurantismo desta empresa, a verdade é que non se notou nada”, puntualiza Mirás.
Por esa razón, o alcalde de Oroso asegura estar “moi desgustado coa actitude dos responsables de Fenosa porque nos puxemos en contacto con eles en moitas ocasións e, cando non collen o teléfono, pásanse a pelota uns aos outros e a situación segue sen arranxarse”. Por iso, Mirás Franqueira anuncia que “a principios da semán que vén reunireime cos empresarios do polígono e, se non hai subministro, tomaremos xuntos as medidas máis contundentes que poidamos”.
Mirás anuncia tamén que “imos instar a Xestur a que lles obrigue a dar subministro eléctrico ás empresas e non esperaremos máis, senón haberá que comezar a facer grandes accións de protesta como devolucións masivas de recibos”. De feito, o alcalde de Oroso lamenta que “as autoridades galegas lles permitan esta burla e falta de consideración cos usuarios. Isto non se pode facer, a estas alturas de século non se pode permitir”.
Manuel Mirás entende e comparte o malestar dos veciños e empresarios de Sigüeiro e asegura que “dende o Concello de Oroso imos facer todo o posible por solventa-lo problema dunha vez por todas”.