O Concello de Oroso reclama ao Catastro que a marxe dereita da Avenida da Grabanxa sexa considerada zona urbana.
O alcalde Manuel Mirás asegura que “os propietarios poden estar tranquilos porque a clasificación do solo, a efectos urbanísticos, é a que xa tiña esa zona, é dicir, urbana”
O Concello de Oroso vén de presentar unha reclamación no Catastro para que as propiedades situadas na marxe dereita da avenida da Grabanxa sexan consideradas coma zona urbana, tal e como estaban contempladas antes da segregación desta zona do concello de Santiago e a súa incorporación a Oroso no ano 2006. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegura que “os propietarios poden estar totalmente tranquilos porque a clasificación do solo, a efectos urbanísticos, é a que xa tiña esta zona, é dicir, urbana”.
Neste sentido, Manuel Mirás insiste en que “non ten importancia cómo clasifique agora o Catastro estes terreos”, xa que “dende o Concello instámolos a que acometan unha modificación da ponencia de valores para que eses terreos volvan ser considerados chan de núcleo urbán”. Un cambio que podería levar un tempo, polo que Mirás Franqueira pídelles aos veciños afectados que estén “totalmente tranquilos se lles chegan os recibos como rústico, xa que tamén lles chegará unha nova notificación cos valores urbanos”.
O cambio de urbano a rústico desta zona agregada ao Concello de Oroso no ano 2006 tivo lugar cando se fixo o novo Catastro. Sen embargo, Manuel Mirás puntualiza que xa daquela se dispuxera que, mentras o Concello de Oroso non adaptase esta zona ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, “seguiría coa mesma clasificación urbanística que tiña no PXOM de Santiago”.
Catastro de urbana
De feito, esta mesma semán rematouse o proceso de revisión dos valores catastrais das fincas urbanas do municipio, un proceso que permite determinar o valor desas propiedades e que se toma como referencia en relación con distintas actuacións das Administracións Públicas, tanto de carácter fiscal (IRPF, Imposto sobre Bens Inmobles ou Imposto sobre o Patrimonio) como de carácter non fiscal (expropiacións, valoracións urbanísticas, consecución de determinadas axudas, bolsas e subvencións públicas…).
Para facilitar todo o proceso, o Concello de Oroso estableceu un punto de atención aos veciños e veciñas que desexasen recibir calquer tipo de información ou presentar calquer tipo de reclamación e que estivo situado na Oficina Municipal de Urbanismo.