novas

Manuel Mirás, único representante de Galicia na comisión de modernización e calidade da Federación Española de Municipios e Provincias.

O alcalde de Oroso representará á FEGAMP no Consello Galego de Transportes.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, acaba de ser nomeado membro da Comisión de Modernización e Calidade da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) na Comisión Galega de Transportes. Dous nomeamentos que supoñen sendos recoñecementos, a nivel nacional e galego, ao labor que está a levar a cabo o alcalde de Oroso.

Dende o seu posto de vocal na Comisión de Modernización e Calidade da FEMP, Mirás Franqueira traballará no desenvolvemento de accións de sensibilización, promoción e formación para a implantación dos sistemas de calidade nos concellos. Esta Comisión encargarase tamén de elaborar estratexias, documentos e materiais sobre modernización e calidade que servirán de axuda para os concellos de toda España. Así mesmo, o alcalde de Oroso participará nos traballos que impulsa o Ministerio de Administración Públicas dende a Rede Interadministrativa, colaborando con centros de investigación, universidades, consultoras e outras administracións.

Por outra banda, Manuel Mirás acaba de ser nomeado único representante da FEGAMP no Consello Galego de Transportes, órgano consultivo no que están representados a Xunta, os empresarios do transporte, as asociacións de consumidores, os sindicatos e os Concellos galegos.