novas

O Concelo de Oroso pedirá a posta en marcha dun obradoiro afectivo-sexual para os/as mozos/as.

Mirás confirma que Oroso pediu adherirse á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e que o Catastro está a redactar o novo relatorio sobre os terreos da marxe dereita da avenida da Grabanxa.

pleno O Concello de Oroso solicitará á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a posta en marcha dun obradoiro afectivo-sexual para a mocidade do concello. Así se aprobou este xoves durante o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo.

Ademais, o primeiro tenente de alcalde de Oroso, Xosé Manuel Pérez Penas, encargado de defender esta moción, apuntou que o Concello de Oroso “promoverá o desenvolvemento de obradoiros de igualdade nas escolas” para “non retroceder nos dereitos adquiridos pola loita das mulleres, para avanzar nos que faltan por conquistar e para desenvolver actuacións municipais que promovan a igualdade nas escolas e entre a mocidade”. A moción foi aprobada polo pleno da corporación, coa única abstención do PP.

Así mesmo, tamén saíu adiante unha moción do grupo popular en defensa da muller. Un punto no que o alcalde, Manuel Mirás, lembrou que “dende o Concello de Oroso fixemos moitas iniciativas para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral” e apuntou a posibilidade de asinar en vindeiras datas un convenio coa Xunta para contratar a mulleres vítimas da violencia de xénero “para facilitar a súa integración á sociedade”.

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Por outra banda, o Partido Galeguista retirou a súa moción na que pedía que Oroso se adherise á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Unha moción que “chega tarde”, recalcou Manuel Mirás, xa que “o Concello de Oroso xa o ten pedido e estamos á espera de que nos envíen os estatutos, nos que teño o orgullo de ter participado dende a Fegamp na súa redacción”. Mirás asegurou que “tan pronto se poña en funcionamento a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e nos envíen o convenio, traerémolo a pleno e aprobarase”.

Finalmente, a instancias do PP, Manuel Mirás explicou que “o Catastro xa está a redactar o novo relatorio de valores para as propiedades situadas na marxe dereita da avenida da Grabanxa”. Neste sentido, o alcalde asegurou que, tan pronto o Grupo de Goberno tivo coñecemento de que estes terreos (segregados do Concello de Santiago e incorporados a Oroso no 2006) perderan a súa consideración de urbanos, o Concello presentou unha reclamación ante o Catastro para que volvan ser considerados chan de núcleo urbano.

Na quenda de rogos e preguntas, Pérez Penas confirmou que o Concello de Oroso solicitará a localización da Notaría en Sigüeiro e que o delegado provincial de Innovación e Industria mediará coa empresa propietaria dunha antena de telefonía situada en Sigüeiro para que sexa reemprazada nuns terreos onde o concello planea facer unha nave para gardar a maquinaria municipal.