novas

Entran en funcionamento as cinco liñas da subestación eléctrica de Sigüeiro.

O Concello de Oroso celebra o anuncio da mellora da subministración ao núcleo urbano de Sigüeiro e ao polígono empresarial.

O delegado de Industria anuncia un novo investimento de 386.000 euros na mellora da calidade da subministración en Oroso, Frades e O Pino.

visita O Concello de Oroso celebra o anuncio da entrada en funcionamento das cinco liñas da subestación eléctrica de Sigüeiro, en especial das saídas 4 (que dará servizo ao núcleo urbano de Sigüeiro e que hoxe formalizou a súa posta en marcha) e 5 (que dá servizo ao polígono empresarial de Sigüeiro dende o pasado 4 de abril). Un anuncio realizado polo delegado provincial de Innovación e Industria, Xosé Luis Barcia Picos, durante unha visita realizada ao concello de Oroso.

Barcia anunciou a posta en marcha das cinco liñas da subministración eléctrica que parten da subestación de Sigüeiro e coas que tanto Oroso como Ordes “quedan perfectamente cubertos nas súas demandas de electricidade tanto presentes coma futuras”. Xosé Luis Barcia explicou que unha destas liñas ofrece, dende o pasado 4 de abril, unha subministración eléctrica de calidade ás empresas do polígono empresarial de Sigüeiro. “Os problemas da subministración ao parque empresarial de Sigüeiro quedan totalmente resoltos”, apuntou o delegado de industria.

Un punto no que coincidiu o alcalde orosán, Manuel Mirás, quen espera que “agora as empresas ás que non se lles podía dar un boa subministración poidan recibila”. Manuel Mirás agradeceu o labor desenvolvido por Barcia Picos, de quen dixo que “dende que é delegado de Industria, melloraron moito as instalacións e a atención que recibimos é marabillosa”.

Pola súa banda, Barcia Picos lembrou que o investimento total neste proxecto ascendeu a 2.057.000 euros, dos que 1,143.000 euros foron achegados pola administración. Ademais, explicou que o retraso na posta en marcha desta instalación debeuse a que estaba previsto situala nunha parcela pero, ao final, houbo que buscar unha nova localización, o que supuxo un tempo de espera para as diversas autorizacións pertinentes e para resolver problemas do paso da liña pola autoestrada.

Así mesmo, Xosé Luis Barcia anunciou que o Plan de mellora da calidade das infraestruturas eléctricas contempla un investimento de 386.000 euros nos municipios de Oroso, Frades e O Pino, que verán mellorado a súa subministración eléctrica a través de novas liñas que partirán da subestación de Sigüeiro.

O delegado provincial de Innovación e Industria foi recibido na Casa do Concello de Oroso, onde asinou no libro de honra, por todos os membros do grupo de goberno orosán, encabezados polo alcalde, Manuel Mirás, e polo primeiro tenente de alcalde, Xosé Manuel Pérez.