O pleno de Oroso aproba o Plan Parcial do Polígono empresarial San Martiño II.
Manuel Mirás anuncia que o novo polígono “xa ten o 50% do terreo comprometido con empresas que crearán riqueza e postos de traballo para os veciños de Oroso”.
Unha das firmas que se instalará no San Martiño II creará 400 postos de traballo.
O pleno municipal de Oroso aprobou definitivamente o “Plan Parcial de Ordenación do sector número 10, polígono empresarial San Martiño II”, que contempla unha extensión de 517.211 metros cadrados en Sigüeiro e un aproveitamento industrial de 250.470 m2. Un novo polígono “que ten xa o 50% do terreo comprometido con empresas que se instalarán en Sigüeiro e crearán riqueza e postos de traballo para os veciños de Oroso e mesmo do resto da comarca”, asegurou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
O Concello de Oroso actúa como promotor desta iniciativa, e a xestión do chan realizarase polo sistema de cooperación. Mirás Franqueira afirmou que os veciños “teñen marxe para facer o que queiran coas parcelas resultantes deste Plan Parcial” e anunciou que “xa hai unha gran cantidade de parcelas compradas por empresas que se van instalar aquí como Transportes Calviño, Eulogio Viñal, Alfeco e dúas empresas de Madrid e Zaragoza que van montar o seu centro logístico en Sigüeiro”. Ademais, Mirás adiante que hai unha entidade interesada en instalarse no San Martiño II e que crearía máis de 400 postos de traballo. Uns solares que serán edificados no prazo máximo de dous anos dende a recepción das obras de urbanización, garantizando así a ocupación efectiva e productiva das parcelas.
Características do Plan Parcial
O Plan Parcial de Ordenación do polígono empresarial San Martiño II ten unha extensión de 517.211 metros cadrados brutos, cun aproveitamento industrial de 250.470 metros cadrados. Ademais, conta cunha superficie de 97.000 m2 de suelo rústico adscrito que quedará como zona verde, ao que hai que sumar outros 40.000 m2 de zonas verdes dentro do polígono. O San Martiño II contará tamén cun parque deportivo de 8.900 m2 e con outros 4.400 m2 para equipamento social.
Así mesmo, o polígono empresarial San Martiño II contará con 2.397 prazas de aparcamento, das que 967 serán públicas. “Faremos beirarrúas e prazas de aparcamento, polo que melloraremos a seguridade vial na zona”, explica Manuel Mirás. Finalmente, o propio polígono encargarase de xestionar os seus propios residuos, xa que estará adaptado á lei de sostenibilidade, “polo que recibimos unha valoración moi positiva por parte da Consellería de Medio Ambiente”.
O Plan Parcial de Ordenación do sector número 10, polígono empresarial San Martiño II foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno, PSOE e BNG, coa abstención de Terra Galega e cos votos en contra do PP e do Partido Galeguista. O alcalde de Oroso criticou os argumentos presentados por ambos grupos para opoñerse á aprobación deste proxecto xa que conta co visto bo da Demarcación de Carreteras de Galicia e xa está corrixida a única pega imposta por Fomento: que non houbese un acceso directo á N-550 no lugar onde se situará unha gasolineira. Unha situación que xa está totalmente arranxada.
Así mesmo, Mirás lembrou que este plan parcial estivo exposto ao público non só na Oficina Municipal de Urbanismo, senón tamén na propia páxina web municipal (www.concellooroso.com), e que os propietarios “disfrutarán dunha mellora nos viais existentes, porque agora non teñen beirarrúas e vánselles facer”.
O plan parcial do polígono empresarial San Martiño II é un dos primeiros froitos da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Oroso. De feito, o propio PXOM recolle que con este plan parcial preténdese “impulsa-la actividade económica do Concello e fomenta-la creación de postos de traballo”.
Unha vez aprobado o Plan Parcial, só resta a parcelización e a urbanización do polígono empresarial. O parque industrial estará situado nunha posición estratéxica en canto á súa posibilidade de relación e integración no eixo de comunicación rexional entre o norte e o sur. Ademais, ubicarase nun terreo cunhas calidades topográficas de escasa pendente, coas mellores posibilidades de conexión coas infraestructuras viarias e de abastecemento de auga e de enerxía, nunha zona distante dos espazos agrícolas dos principais asentamentos e sen ningún tipo de afectación medioambiental nin no patrimonio cultural.
Regulamento da Escola de Música
O pleno municipal tamén deu o seu visto bo ao regulamento de organización e funcionamento da escola municipal de música do Concello de Oroso. Un regulamento que especifica os baremos de admisión, a oferta didáctica, o calendario escolar, dereitos e deberes dos usuarios e as competencias dos integrantes da Escola de Música.
Manuel Mirás explicou que a Escola de Música utilizará as instalacións do CEIP de Sigüeiro, xa que se alcanzou un acordo de colaboración coa Consellería de Educación. Ademais, anunciou que as prazas do profesorado sairán a concurso público de emprego, “ao igual que todas as que saen no Concello”, especificou. Mirás tamén anunciou que se non se cubren estes postos de profesores se contrataría a unha empresa especializada, a través de contrato administrativo, para impartir as clases durante o vindeiro ano.
Finalmente, o pleno municipal aprobou por unanimidade a ampliación do prazo de delegación na Deputación Provincial das competencias en materia de recadación de servizos tributarios e unha modificación da ordenanza fiscal sobre o imposto sobre construccións, instalacións e obras, que a reduce do 1,05 ao 0,35 no caso dos peches de parcela.