novas

Sigüeiro acollerá dúas etapas das "Andainas sabatinas" do Consorcio do Camiño Inglés.

Trátase dunha peregrinación para promover esta ruta Xacobea que chegará a Sigüeiro este sábado 28 de xuño.

Sigüeiro será a sede de dúas etapas das “Andainas sabatinas”, organizadas polo Consorcio do Camiño Inglés. Trátase dunha iniciativa aberta a todo o público e que consiste nunha peregrinación a Compostela por etapas seguindo o Camiño Inglés, como xeito de promoción desta ruta Xacobea. Unha peregrinación dividida en seis etapas, que se veñen realizando os sábados dende o pasado 31 de maio.

Sigüeiro será o punto de destino da próxima etapa, que terá lugar este sábado 28 de xuño. Os camiñantes sairán da Rúa, na parroquia de Buscás (Ordes), e farán un percorrido duns vinte quilómetros ata chegar á capital municipal do concello de Oroso. A saída está programada ás 9:00 horas e ás 11:30 terá lugar unha pausa de avituallamento en Baxoia, momento no que se incorporará os responsables de Protección Civil de Oroso e o propio alcalde, Manuel Mirás, que acompañarán aos peregrinos ata Sigüeiro. Unha chegada que está prevista a iso das 14:30 horas, momento no que se lles ofrecerá aos camiñantes un pequeno refrixerio.

Así mesmo, Sigüeiro será tamén o punto de saída da última etapa das “Andainas sabatinas”, que levará aos peregrinos do Camiño Inglés ata Santiago de Compostela o sábado 5 de xullo. Os participantes sairán de Sigüeiro ás 7:30 horas e chegarán á praza do Obradoiro aproximadamente ás 11:30, onde está prevista unha recepción a cargo do Concello de Santiago no que participarán as corporacións dos distintos municipios por onde pasaron estes peregrinos.