O Concello de Oroso cede unha parcela de 8.100 metros cadrados a carón do paseo do río Carboeiro para a construcción dun novo CEIP.
Manuel Mirás asegura que "é o mellor sitio posible para este novo colexio, ao lado do paseo fluvial e dunha futura área de xogos".
O pleno municipal do Concello de Oroso aprobou esta mañá a cesión á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dunha parcela de 8.100 metros cadrados para a construción dun novo colexio de educación infantil e primaria de titularidade municipal. Unha instalación que “solventará as necesidades de Oroso en educación infantil e primaria cando menos para os vindeiros dez anos, xa que agardamos que sexa utilizado por uns douscentos rapaces”, asegura o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
Un colexio que “vai ubicado no mellor lugar que hai, ao lado do paseo fluvial, da piscina municipal e dunha futura área de xogos que haberá na zona de xeito que a maioría dos pequenos non terán que utilizar a estrada para ir ao colexio, senón que chegarán paseando polo paseo do Río Carboeiro”, explica Mirás Franqueira. Unha ubicación privilexiada que mesmo foi refrendada polo anterior equipo da Consellería de Educación, que a definíu como lugar idóneo para a construción do novo CEIP.
Seguridade vial
A aprobación da cesión desta parcela á Xunta contou cos votos a favor de todos os grupos municipais, salvo a abstención do voceiro do Partido Galeguista que solicitaba o aprazamento da votación e que o novo CEIP se construise a carón do actual. Unha petición que foi rexeitada polo pleno xa que “os técnicos din que se estiveran todos xuntos ocasionariamos un caos de entrada e saída e, ademais, porque estamos a falar da construción dun novo colexio, non dunha ampliación do actual”, asegurou Mirás Franqueira.
Así mesmo, o alcalde de Oroso destacou que a nova ubicación mellorará a seguridade vial dos pequenos, xa que “o tráfico que pasará por diante do novo CEP nunca superará os 1.50 vehículos ao día, cando na avenida da Grabanxa o actual colexio ten que soportar o paso de 6.000 vehículos diarios”. Ademais, o feito de que esté situado ao final do paseo do Río Carboeiro permitirá que moitos pais e fillos que residan en Sigüeiro se podan achegar a pe ata o centro sen ter que cruzar nin achegarse a estrada algunha.
Unha vez aprobada a cesión desta parcela á Consellería de Educación, libre de cargas e gravames, nos vindeiros meses ultimarase e aprobarase o proxecto do novo CEIP, de xeito que “imos facer todo o posible para que as obras estén rematadas para o curso 2009-2010”, apunta Manuel Mirás.
Sustentabilidade
Así mesmo, o pleno municipal aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Oroso á Rede Galega de Concellos pola Sustentabilidade, creada pola Consellería do Medio Ambiente o pasado mes de maio. Unha adhesión coa que o Concello de Oroso quere amosar “o compromiso municipal de implantación de políticas encamiñadas a acadar a sustentabilidade neste concello”, apuntou Mirás Franqueira.
Neste sentido, Oroso xa cumple cos requisitos para a súa entrada nesta rede, pois o propio pleno municipal aprobou en febreiro de 2003 a súa adhesión á Carta de Aalborg e, un mes máis tarde, a Mancomunidade de Ordes, á que pertence Oroso, asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente para a implantación da Axenda 21 local. A adhesión de Oroso a esta Rede Galega de Concellos pola Sustentabilidade permitirá que o Concello de Oroso poda intercambiar experiencias, información e formación con outros municipios e mesmo levar a cabo proxectos conxuntos que aposten polo desenvolvemento do municipio tanto no aspecto ambiental coma no económico e social.