Liga Fútbol Sala 2010.
O Concello de Oroso vén de convocar a Liga de Fútbol Sala 2010, a primeira na que os equipos participantes poderán ser mixtos. Así, nesta duodécima edición da Liga de Fútbol Sala do Concello de Oroso poderán participar un máximo de 18 equipos, que inscribirán entre 8 e 12 xogadores ou xogadoras, maiores de 16 anos, e onde tan só se permitirá “fichar” a dous xogadores/as sen empadroar en Oroso. O resto dos compoñentes deberán estar empadroados en Oroso, traballar nunha empresa con domilicio no municipio ou residir na parroquia compostelana da Barciela (equipo, por certo, gañador da liga 2009).
Premios postais navideñas.
O Concello de Oroso aproveitou a festa de Reis para facer entrega dos premios da terceira edición do Concurso de Postais Navideñas, no que participaron unha trintena de veciños e veciñas nas tres categorías establecidas. Uns premios que recaeron en Lucía García Castelo, Adrián López Rial e Esther Roca Fandiño. Todos eles foron premiados cun lote de libros axeitados á súa idade.
Cabalgata de Reis.
O Concello de Oroso ten preparada unha gran festa infantil para a tarde deste martes, 5 de xaneiro, co gallo da xornada de Reis. Unha festa que comezará ás 17:30 horas, intre no que a gran Cabalgata de Reis sairá da Estación de Vilacide para facer un percorrido polas rúas de Sigüeiro.
Concerto de Corais e Panxoliñas.
O auditorio do Centro Cultural Fernando Casas e Novoa quedou pequeno para albergar ás máis de duascentas persoas que se deron cita na noite do sábado en Sigüeiro para asistir ao tradicional concerto de corais, organizado polo Concello de Oroso e a coral Santa Eulalia de Senra. Un concerto no que participaron catro formacións: a coral San Xoán de Trazo, o coro José Saramago (da Asociación Voces do Camiño, Vite-Santiago), os locais da coral Santa Eulalia de Senra (Oroso) e o orfeón Castrosúa (Santiago), formación que actuou por primeira vez neste tradicional concerto.
Por outra banda, este martes 29 de decembro, a partir das 20.30 horas, terá lugar a segunda edición do concurso de panxoliñas no Centro Cultural.
Nadal sobre patíns.
O Concello de Oroso abrirá ao público o polideportivo municipal de Sigüeiro durante dúas xornadas para que os veciños e veciñas do municipio poidan practicar a patinaxe sober patíns, un deporte que en Oroso practican case un cento de rapaces. Trátase do programa “Nadal sobre patíns”, posto en marcha polo Concello de Oroso en colaboración co Clube Hockei Compostela e a Escola Deportiva de Patinaxe de Oroso.

