Novas do Concello
Sexto posto para o Oroso TM.
O Oroso TM conseguíu unha excelente sexta posición no VIII Torneo Internacional de Cataluña de tenis de mesa, celebrado esta fin de semana en Calella. Unha prestixiosa competición internacional na que participaron as mellores seleccións (Alemaña, Francia, Bélxica e País de Gales) así como as potencias nacionais deste deporte (Cataluña, Andalucía e Baleares). O Oroso TM participou grazas a unha invitación especial da organización do Torneo, que cada ano invita a un par de conxuntos que destacaran especialmente polo seu labor coa canteira do tenis de mesa en Europa.
O Oroso TM participará no Torneo Internacoinal de Cataluña.
Seis xogadores do Oroso TM participarán esta fin de semana na oitava edición do Torneo Internacional de Cataluña, que terá lugar os días 4 e 5 de febreiro en Calella. Unha participación que se considera toda unha honra, pois a organización deste Torneo só invita a participar cada ano a un reducido número de equipos que destacaran especialmente polo seu labor coa canteira do tenis de mesa en Europa.
Remata a primeira fase das beirarruas en Sigüeiro.
O Concello de Oroso vén de rematar a primeira fase das obras de construción das beirarrúas que unirán Sigüeiro coa gardería municipal da Ulloa seguindo a marxe dereita da Avenida de Compostela (N-550). Unha primeira fase que se corresponde co tramo urbano de Sigüeiro e que hoxe quedou rematado coa nova sinalización horizontal para a delimitación das prazas de aparcamento e dunha parada do autobús do transporte metropolitano máis ampla ca existente.
Uxío Regueira terceiro no Torneo Estatal de Tenis de Mesa.
O alevín orosán Uxío Regueira conseguíu a terceira praza no Torneo Estatal de Tenis de Mesa organizado pola Real Federación Española de Tenis de Mesa en Guadalajara, e que reuníu esta fin de semana aos 48 mellores xogadores de España en cada categoría, dende benxamín ata veteráns. En total, máis de 600 xogadores déronse cita no multiusos de Guadalajara para participar nunha das citas máis importantes a nivel nacional.
Baile de maiores con "Diamante".
O centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá este sábado, 28 de xaneiro, a primeira sesión de 2012 dos bailes para maiores que cada mes organiza o Concello de Oroso. Unha cita que terá lugar a partir das 19.30 horas e que estará amenizada polo grupo “Diamante”. A entrada é totalmente libre e de balde.





