O Grupo Folclórico "Buxos Verdes" nace no ano 1985, cando veciños das parroquias de Senra e Cardama deciden xuntar uns cantos rapaces e formar un pequeno grupo de baile.
No ano 1998, e sendo xa unha agrupación consolidada formada por unhas 20 persoas, fórmase o grupo de gaitas, integrado por rapaces e rapazas do lugar movidos todos eles por un interés común: Recuperar, difundir, transmitir e sobre todo conservar o folclóre tradicional galego.
Na actualidade, o grupo está formado por unhas 40 persoas, repartidas en tres grupos de baile, o grupo de gaitas e o grupo de pandereteiras.
Dende os seus inicios, Buxos Verdes, participa en mostras, homenaxes, festas populares, exposicións, festivais nacionais (toda a xeografía galega) e algún que outro festival internacional (Portugal), é dicir, Buxos Verdes está presente en calquera evento que permita divulgar a nosa tradición e a nosa cultura , e o mesmo tempo coñecer ás doutros pobos.
O repertorio da agrupación é amplo e variado. Dende muiñeiras coma "Fonsagrada", "Mangüeiro", "Muiñeira Vella de Means", "Pesadoira", "Darbo", "Mariñana", "Rudís", "Busto", "Muiñeira Redonda", "Barro", ata xotas coma "Gonte", "Mangüeiro", "Xota da Peregriña", "Cabaleiros", "Arabexo", "Xota de Santiago", "Ruada", pasando por pasodobles, rumbas, marchas e cantos populares de transmisión oral que poñen de manifesto a riqueza cultural da nosa terra.