subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso solicita a colaboración veciñal para a localización e retirada de niños primarios de vespa velutina.


 

O Concello de Oroso vén de poñer en marcha unha campaña informativa para solicitar a colaboración da veciñanza para a localización e retirada de niños primarios de vespa velutina. “Pregámoslles aos veciños e veciñas que revisen os seus galpóns, garaxes, aleiros de tellados... para así poder detectar canto antes os niños primarios que as vespas velutinas forman entre os meses de marzo e xuño”, explica o concelleiro de Seguridade Cidadá e Protección Civil, Antonio Leira.

Neste sentido, o concelleiro lembra que os niños son de celulosa, de cor marrón pardo e dunhas dimensións de seis centímetros de alto por catro centímetros de ancho. Así mesmo, Leira Piñeiro lembra que “para proceder á retirada dos niños é preciso que os veciños avisen ao Concello (981 691 478) ou directamente ao 112 au ao 012, xa que son os encargados de eliminalos”.

O Concello de Oroso xa organizou a principios de mes unha charla sobre a vespa asiática impartida por Xesús Asorey, voceiro da Asociación Galega de Apicultura. Unha charla que contou cunha numerosa participación veciñal, preocupados polas afeccións que esta especie ten no noso ecosistema. Así, trátase dunha especie devoradora de insectos polinizadores, causa prexuízos económicos nos sectores apícola e frutícula e supón tamén un problema para a seguridade cidadá polo risco de picadas.