subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre ata o 27 de setembro o prazo de inscrición nos sete cursos dos Obradoiros Culturais 2017/2018.


A oferta inclúe labores e costura básica, patchwork, traballos manuais, fotografía, restauración e tapicería, teatro e debuxo e pintura.

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición nos Obradoiros Culturais para o curso 2017/8, que inclúen sete cursos: labores e costura básica, patchwork, traballos manuais, fotografía, restauración e tapicería, teatro (infantil e adultos) e debuxo e pintura. As inscricións deberán formalizarse antes do vindeiro 27 de setembro no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 69 09 03.

Esta oferta formativa e de ocio está dirixida a veciños e veciñas empadroados en Oroso, maiores de 16 anos. Todos os cursos terán lugar no centro cultural de Sigüeiro, agás o de fotografía que será na aula de informática, e os seus prezos oscilan entre os 20 e os 110 euros.

Horarios e prezos

Todos os curso comezarán a impartirse o próximo mes de outubro e desenvolveranse ata maio de 2018, coa excepción do curso de Labores e Costura Básica que terá unha duración de tres meses. O Concello de Oroso convoca dous grupos os martes: de 10:00 a 12:00 horas (con calceta, gancho, trapillo e punto de cruz) e de 18:00 a 20:00 horas (con gancho, encaixe de palillos, punto de cruz e bordado). O prezo é de 25 euros para persoas empadroadas, dous euros máis para non empadroadas.

O curso de Traballos Manuais, dirixido a nenos e nenas maiores de 6 anos, terá lugar todos os martes de 17:00 a 18:30 horas. O curso de Fotografía, dirixido a maiores de 14 anos, organizarase en dous grupos: iniciación (os luns de 18:00 a 19:30 horas entre outubro e decembro) e iniciación II (mércores, de 19:30 a 21:00 horas entre outubro e maio). Finalmente, o grupo de teatro reunirase os mércores de 19:00 a 20:30 horas (infantil) e 20:30 horas a 22:00 horas (adultos). Os tres cursos teñen o mesmo prezo: 20 euros persoas empadroadas e 22 euros non empadroadas.

O Club de Patchwork é de balde e desenvolverase de outubro a maio todos os martes, de 18:00 a 20:00 horas; mentres que o curso de Restauración e Tapicería impartirase os xoves, de 10:00 a 12 horas. Neste caso, o seu prezo é de 25 euros/mes para persoas empadroadas e 27 euros para non empadroadas.

Finalmente, un dos cursos máis demandados, o de Debuxo e Pintura, ofrece este ano un total de 75 prazas en 5 grupos con cotas anuais. Os luns terán lugar as clases para nenos/as de 3 a 5 anos (de 16:30 a 17:30 horas, por 60 euros empadroados e 90 euros non empadroados), nenos maiores de 6 anos (de 17:30 a 19:00 horas, por 70 euros empadroados e 110 euros non empadroados) e adultos (de 19:00 a 21:00 horas, por 80 euros emparoados e 130 euros non empadroados). Os venres haberá grupos de nenos de 3 a 5 anos (de 16:30 a 17:30 horas) e de maiores de 6 anos (de 17:30 a 19:30 horas).