subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso homenaxea a catro empregados que se xubilan despois de entre 15 e 30 anos traballando no municipio.


orosoO Concello de Oroso vén de homenaxear a catro persoas que se xubilan despois de levar entre 15 e 30 anos traballando para a Administración Local. Trátase de María del Carmen Villaverde Mosquera e María del Carmen Blanco, do servizo de limpeza no termo municipal; Manuel Varela Blanco, no departamento de Obras; e Ramón Louzao Pérez, arquitecto asociado ao servizo de Urbanismo.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, presidiu o xantar de confraternidade, ao que asistiron tanto actuais funcionarios e empregados municipais como algunhas persoas que desenvolveron parte da súa vida laboral no Concello orosán. Mirás asegurou que “hoxe teño sentimentos contraditorios. Por unha banda, estou contento por estas catro magníficas persoas pero tamén estou triste por perder a catro grandes traballadores que prestaban un servizo de moita calidade a todos os veciños e veciñas de Oroso”. “Estou moi agradecido porque sei que levastes e seguides levando o Concello de Oroso no voso corazón e quero en nome dos veciños e veciñas darvos as grazas polo gran labor que desempeñastes en cada un dos vosos ámbitos”.

Finalmente, o alcalde orosá reivindicou “o gran labor que están a facer os funcionarios. É unha mágoa que a sociedade non os vexa da mesma maneira, cando son funcionarios os que se encargan da súa educación, da súa protección e de sanalos cando estamos enfermos. Dende que houbo a obriga de externalizar moitos servizos teño que dicir que, en vez de mellorar, estamos a empeorar a calidade do servizo que recibe a veciñanza”.