subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre este luns a piscina municipal con aforo limitado, quendas e un servizo de cita previa


orosoO Concello de Oroso abrirá este luns, día 22 de xuño, a piscina municipal coa novidade da nova cuberta, que permitirá o uso das instalacións mesmo os días que o bo tempo non acompañe.

“O concello ten como obxectivo que a veciñanza disfrute da piscina respectando as normas derivadas do coronavirus, xa que a saúde é o primeiro a día de hoxe”, afirma Antonio Leira, concelleiro de Deportes.

Como medida de axuda ás familias, a entrada será gratuíta este ano, tendo preferencia os empadroados en Oroso. As reservas faranse mediante unha aplicación ou tamén se poderá acceder o mesmo día sempre que non se cubra o aforo permitido. Haberá dúas quendas a elixir: de 11:00 a 15:45 e de 16:00 a 21:00 horas. O enlace á web para reserva previa é https://piscinaoroso.orbinn.com/login

A entrada ás instalacións realizarase tendo en conta o seu aforo e sempre respectando unha distancia preventiva mínima de polo menos 1,5 metros. Estas medidas aplicaranse especialmente na zona de recepción, os vestiarios e as duchas.

Para o acceso, colocaranse bandas no chan de recepción que marquen as distancias mínimas entre persoas (1,5 metros) que esperan no mostrador. Na zona de céspede delimitaranse zonas mediante frechas ou conos de sinalización.

Unha vez completo o aforo establecido, o usuario non poderá acceder á instalación ata que non saian outros usuarios. Será o socorrista ou o persoal que designe o xestor da instalación o responsable de supervisar o número de persoas e de restrinxir os accesos.

Ademais, o concello porá a dispor dos usuarios sistemas para a desinfección de mans á entrada da instalación e unha zona de limpeza e desinfección.

Como outros anos, o Concello programa cursos de natación para nenos/as de 4 a 16 anos, empadroados en Oroso e en grupos reducidos. O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de xuño e os cursos levaranse a cabo do 6 ata o 31 de xullo.