subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, esixe por carta á Xunta máis transparencia sobre os casos de coronavirus no municipio para tomar medidas en función da situación sanitaria real


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, esixe á Consellería de Sanidade unha maior transparencia con respecto aos datos de positivos por Covid-19 no municipio, xa que en función da situación sanitaria real deben tomarse unhas medidas ou outras.

Nunha carta remitida a Eloína Núñez, xerente da área sanitaria do Sergas Santiago-Barbanza, o alcalde de Oroso lamenta que algúns concellos teñan información permanente sobre os gromos e o número de positivos, mentres que outros carecen deses datos.

“Non son partidario de que desde as alcaldías se den datos, pero debemos ter a información para tomar medidas e ser máis transparentes coa veciñanza, xa que a actual situación provoca inquedanzas, comentarios e bulos a diario”, asegura Mirás Franqueira.

“A xestión da pandemia por parte da Xunta consiste unha vez máis en trasladarlle toda a responsabilidade aos concellos, que asumimos desde hai moito tempo numerosas competencias impropias”, lamenta Mirás.

“Nin sequera trata a todos os concellos por igual, xa que algúns teñen a diario información sobre a evolución da pandemia e a publican nas redes sociais, a xestión da Xunta é un verdadeiro despropósito”, remata o alcalde, que tentou en numerosas ocasións sen éxito poñerse en contacto con Eloína Núñez.