subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Ordenanza Fiscal reguladora da taxa por licencia de apertura de establecementos, instalacións e actividades. (B.O.P. Nº 206).


I.-Fundamento e natureza.

Artigo 1.º .

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 144 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, o Excmo. Concello de Oroso establece a "Taxa por licencia de apertura de establecementos, instalacións e actividades", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, e as súas normas atenden ó previsto no artigo 58 da citada Lei 39/1988.

II.-Feito impoñible.

Artigo 2.º .

1.-Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís, instalacións e actividades reúnen as condicións de tranquilidade, seguridade, salubridade e calquera outra esixida polas leis, plans urbanísticos, ordenanzas e regulamentos estatais, autonómicos e municipais na materia, de cara ó outorgamento da pertinente licencia de apertura.

2.-Para tal efecto, terá a consideración de apertura:

a) A primeira instalación.

b) O traslado da actividade a outro local.

c) A ampliación da actividade desenvolvida no local, aínda que continúe o mesmo titular.

d) A ampliación do local.

e) A variación de actividade.

f) A reapertura do establecemento tras modificacións sustanciais no local e as súas instalacións, como consecuencia de obras, aínda que non cambie a súa actividade.

3.-Non se devengará a taxa nos supostos de cambio de titularidade cando non se producise alteración ningunha nas condicións obxectivas do local polas cales se concedeu a licencia.

III.-Suxeito pasivo.

Artigo 3.º .

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, no seu caso, se desenvolva en calquera establecemento industrial ou mercantil, así como titulares das instalacións que se conceda a súa licencia.

IV.-Devengo.

Artigo 4.º .

1.-Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada a dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licencia de apertura, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.

2.-Cando a apertura ou instalación tivese lugar sen ter obtido a oportuna licencia, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento, instalación ou actividade reúne ou non as condicións esixibles con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autoriza-la apertura do establecemento, actividade ou instalación ou decreta-lo seu peche, se non fose autorizable a dita apertura.

VI.-Cota tributaria.

Artigo 5.º .

1.-A cota tributaria das licencias que se soliciten, será a resultante de aplica-las seguintes tarifas, tendo en conta a superficie útil do local ou instalación. Se se tratase de instalacións terase en conta a superficie total delas, incluída o pechamento de protección ou seguridade esixible segundo a normativa que resulte de aplicación.

2.-O cadro de tarifas é o seguinte, segundo a actividade estea ou non encadrada no regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, regulamento de espectáculos públicos ou norma autonómica na materia:

Superficie

Actividades inocuas

Actividades clasificadas

Ata 25 m2

90 euros

120 euros

De 26 a 100 m2

120 euros

180 euros

De 101 a 200 m2

200 euros

280 euros

De 201 a 400 m2

350 euros

450 euros

Máis de 400 m2

500 euros

650 euros

VII.-Exencións e bonificacións.

Artigo 6.º .

1.-A teor do disposto na disposición adicional novena da Lei 39/88, a partir da entrada en vigor desta ordenanza quedarán suprimidos cantos beneficios fiscais estivesen establecidos en toda clase de disposicións legais sen que a súa actual vixencia puidese ser invocada respecto a esta taxa.

2.-De conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 39/88, non se concederán máis exencións ou bonificacións que as que expresamente se prevexan nas leis ou as que se deriven da aplicación dos tratados internacionais.

VIII.-Normas de xestión.

Artigo 7.º .

1.-A taxa esixirase no réxime de autoliquidación cando se presente a petición do interesado, debendo o suxeito pasivo, no momento de presenta-la correspondente solicitude de licencia, practica-la autoliquidación nos impresos habilitados para tal efecto pola Administración municipal e realiza-lo seu ingreso en calquera entidade bancaria autorizada, o que se deberá acreditar no momento de presenta-la correspondente solicitude.

Cando os servicios municipais comproben que se está exercitando calquera actividade sen obte-la previa licencia preceptiva, se considerará o acto de comprobación como a iniciación do trámite desta última, coa obriga do suxeito pasivo de aboa-la taxa establecida, sen prexuízo da imposición da sanción que corresponde e, no suposto de que se preste de oficio, por liquidación practicada pola Administración municipal.

2.-Unha vez adoptada a resolución que proceda e efectuadas pola Administración municipal as comprobacións oportunas, practicarase liquidación definitiva que se notificará ó interesado, reclamando ou devolvendo no seu caso a cantidade que proceda.

3.-No suposto de que non se iniciase o expediente ó teor do disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de procedemento administrativo común, procederá á devolución do ingresado a instancia do interesado.

4.-Non se tramitará a solicitude de licencia que non se acreditase o ingreso do importe total estimado da débeda.

IX.-Infraccións e sancións.

Artigo 8.º .

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a elas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal, aprobada a súa redacción definitiva polo Pleno do Concello, entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.