I edición do Concurso Infantil de Tapas frías do Concello de Oroso.
Bases do Concurso
BASE PRIMEIRA: Obxecto do Concurso
O obxecto primordial do Concurso é lúdico e con afán participativo pasando a unha segunda orde o carácter competitivo. Organízase encadrado dentro do Concurso de tapas “ De tapa en tapa” que se vén realizando anualmente, e ten o espírito dun obradoiro infantil co engadido de iniciar os temas culinarios nos máis pequenos así como fomentar os bos hábitos alimentario.
BASE SEGUNDA: Participantes
Poderán concursar todos os nenos e nenas (empadroados/as en Oroso) con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, ambos incluídos.
BASE TERCEIRA: Datas e duración do Concurso
Esta primeira edición do concurso infantil de tapas de Oroso levarase a cabo o día 18 de abril de 2015, dando comezo ás 10.30h , polo que a hora de presentación dos participantes deberá ser ás 10.00h.
Os participantes terán 1 hora e 40 minutos para a realización das tapas. Prazo de inscricións: Ata o 14 de abril.
BASE CUARTA: Desenvolvemento do Concurso
Cada participante deberá facer a inscrición dentro do prazo previsto e ao mesmo tempo que presenta esta deberá achegar a receita da tapa coa que participará no concurso e que posteriormente deberá elaborar in situ o día do concurso. A receita deberá levar especificados os ingredientes así como tamén a forma de elaboración. Durante a xornada do concurso os participantes terán de máximo unha hora e corenta minutos para elaborar a tapa, e un monitor prestaralles asistencia se o precisan.
BASE QUINTA: Ingredientes a utilizar
Bases: Pan, tortaletas de follado, medias noites, tostas
Friames: Queixos, chourizo, xamón York, salchichón
Salsas: Maionesa, mostaza, mel, salsa de tomate, iogur natural
Verduras: Leituga, cogombro, cebola , limón
Doce: Chocolate, nata, marmelo
Froitas: Amorodos, plátanos, laranxas, mazás
Outros: Atún, olivas, ovos cocidos, surimi, azucre, sal, aliño.
Calquera outro ingrediente que sexa necesario deberá constar na receita da tapa presentada.
BASE SEXTA: Valoración da tapa
Valoraranse aspectos como a presentación, a orixinalidade e por suposto o sabor, así como tamén o aproveitamento responsable dos ingredientes.
BASE SÉPTIMA: Número de tapas
Deberán realizar 3 unidades da mesma tapa para ser valorada polos membros do xurado.
BASE OITAVA: O Xurado
O xurado estará composto por tres membros que degustarán as tapas e puntuarán tendo en conta a base sexta, (valoraranse aspectos como a presentación, a orixinalidade e por suposto o sabor, así como tamén o aproveitamento responsable dos ingredientes.) Unha vez deliberase o xurado daranse a coñecer os/as gañadores/as ( 1º, 2º e 3º).
BASE NOVENA: Premios
Os premios serán os seguintes:
1º Premio: Diploma+ Trofeo+ Vale por importe de 70 euros na Tenda de Deportes Equip@t Sigüeiro
2º Premio: Diploma+ Trofeo+ Vale por importe de 40 euros na Librería Aula 10
3º Premio : Diploma+ Trofeo+ Libro de receitas de cociña MasterChef Junior
Todos os participantes terán un obsequio só por participar.
BASE DÉCIMA: Entrega de premios
Os premios serán entregados unha vez escoitado o faio do xurado.
BASE DÉCIMO PRIMEIRA: Aceptación das bases
A participación no concurso significa a aceptación destas bases.