subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Mirás celebra este venres un “Encontro co alcalde” cos veciños e veciñas de Sigüeiro no centro cultural Fernando Casas e Novoa.


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, celebrará este venres 13 de marzo unha nova edición do “Encontro co alcalde”, que nesta ocasión terá como protagonistas aos veciños e veciñas de Sigüeiro. Un encontro que terá lugar ás 20:00 horas no salón de actos do centro cultural Fernando Casas e Novoa.

Este será o segundo encontro coa veciñanza de Sigüeiro, despois do celebrado en marzo de 2014 e que reuniu a máis de medio cento de veciños. Como en todos os “Encontros co alcalde”, o acto comezará cunha primeira intervención de Manuel Mirás, que fará unha breve presentación da súa xestión á fronte da Alcaldía, explicará os proxectos que ten en mente acometer en Sigüeiro e dará conta do cumprimento dos compromisos adquiridos coa veciñanza en marzo de 2014, como a reurbanización da rúa do Tambre, a posta en marcha no novo colexio ou a instalación de xogos acuáticos na piscina municipal.

Acto seguido, serán os veciños e veciñas asistentes quen tomarán a palabra para resolver as súas dúbidas ou plantexar as súas peticións directamente ao alcalde orosán, que dará cumprida resposta a cada participante. Durante a sesión de 2014, esas peticións xiraron en torno a catro temas: información sobre a situación dos colexios, limpeza viaria (defecación de mascotas), melloras na piscina e incremento da presenza policial.