subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás propón que o grupo de traballo sobre o transporte metropolitano inclúa a todos os municipios da coroa de Santiago.


 

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, non comparte o bosquexo realizado polo alcalde de Ames para crear un grupo de traballo cos municipios da comarca con maior número de viaxeiros dentro do Plan de Transporte Metropolitano da área de Santiago. Mirás considera que “aínda que temos menos viaxeiros, Oroso ten que estar nese grupo, ao igual que todos os concellos que compoñen a coroa de Santiago e que compartimos os mesmos problemas de desprazamento”.

O alcalde orosán considera que a proposta realizada polo alcalde de Ames “demostra que tiñamos toda a razón cando protestamos polo mal funcionamento do transporte metropolitano, froito das carencias coas que naceu hai dez anos ao non ter constituído un consorcio do transporte metropolitano e de que a Xunta permita que moitos operadores incumpran os horarios e as frecuencias”. Ademais, advirte de que “non consentiremos que se fagan as cousas ás nosas costas, cando somos membros de pleno dereito do transporte metropolitano”.

Mirás critica que “os demais alcaldes do Partido Popular quedaran mudos este martes diante dos problemas do transporte metropolitano, igual que quedaron cegos e mudos noutros casos como o canon da auga ou o canon de Sogama”. Así mesmo, reitera que Oroso “non se opón a que outros municipios consigan mellores tarifas e máis frecuencias, pero iso non pode ser a costa de non resolver os problemas que veñen padecendo os veciños e veciñas de Oroso nos últimos anos”.