subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás pide a colaboración da Deputación para facer un auditorio e un novo campo de fútbol en Oroso.


O centro cultural de Sigüeiro acolle ata o 27 de outubro a exposición das obras participantes no X Certame de Artesanía Antonio Fraguas.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, pídelle ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a súa colaboración para afrontar a medio prazo dúas importantes necesidades para a veciñanza: a construción dun auditorio e dun novo campo de fútbol. Unhas peticións que o alcalde orosán lle trasladou persoalmente co gallo da visita institucional de Valentín González a Oroso para inaugurar a exposición do X Certame de Artesanía Antonio Fraguas, que se pode contemplar no centro cultural de Sigüeiro ata o próximo 27 de outubro.

“Oroso ten que dar un salto de calidade no eido cultural e para iso necesitamos o apoio da Deputación”, explicou Manuel Mirás, quen engadiu que “a medio prazo queremos ter un auditorio para poder facer actividades culturais de maior nivel”. Unha petición á que Valentín González respondeu que “facer un auditorio en Oroso é garantía de que se vai utilizar”, logo dunha xornada na que “me empapei da realidade socioeconómica de Oroso”. Ademais, aproveitou a súa estancia para coñecer o arquivo histórico de imaxes de Oroso, da man do seu director Manolo Pazos.

Visita aos clubs deportivos

Ademais, Manuel Mirás lembrou que “a nivel deportivo temos máis de oitocentos veciños e veciñas practicando deporte, sobre todo fútbol, polo que necesitamos outro campo de fútbol de herba artificial”. Unha necesidade que o presidente provincial puido comprobar sobre o terreo nunha visita previa ao campo de fútbol de Sigüeiro e o complexo deportivo Juanito Amigo.

González Formoso tivo ocasión de coñecer as experiencias das directivas do Xuventude de Oroso e do Sigüeiro FC, encabezadas polo seu presidente José Ferro; do Taekwondo ITF-Oroso, co seu mestre Ramón Lema; do Oroso Tenis de Mesa, da man da súa presidenta Nuria Castro; e do club de Hockey Oroso, presentadas polo seu presidente Francisco García Castro. O presidente provincial escoitou as peticións dos directivos destes clubs e mesmo se animou a xogar unha partida de tenis de mesa co adestrador do Oroso TM, Valeri Malov.

O presidente da Deputación da Coruña amosou a súa sorpresa diante do gran número de veciños que practican deporte en Oroso. “Preguntei varias veces porque me parecía que o número que me dixera o concelleiro de Deportes era demasiado elevado pero é que mo confirmaron todos: hai seiscentos rapaces xogando ao fútbol en Oroso e outros setenta ao tenis de mesa ao máis alto nivel”, apuntou o presidente provincial, quen asegurou que “con esta base, o futuro está garantido grazas a emoción que ten o Manuel Mirás ao querer aumentar aínda máis a oferta cultural e deportiva”.